DUVI

Diario da Universidade de Vigo

'Poética del Rock. Imaginario lírico de la cultura popular' preséntase este xoves na librería Versus

100 anos de lirismo rock concentrados en 743 páxinas

A profesora Susana Rodríguez Barcia e o músico Bosco Gil son os autores

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Cultura
  • Música
  • Publicacións
  • Cultura
M. Del Río DUVI 24/05/2023

743 páxinas e 1,5 kg de peso nos que caben 100 anos de rock e pop en inglés. O libro Poética del Rock. Imaginario lírico de la cultura popular, obra da profesora do Departamento de Lingua Española Susana Rodríguez Barcia e do músico Bosco Gil de Gárate, é a historia da música a través das letras da súas cancións do último século. O volume, editado polo Servizo de Publicacións da Universidade de Vigo, preséntase este xoves na librería Versus ás 20.00 horas e como explican os seus autores é “un percorrido polo rock e o pop escritos en inglés ao longo dos últimos 100 anos dende a perspectiva do discurso poético que analizamos a través dunha selección persoal de artistas e letras”. O obxectivo desta obra é “coñecer a evolución dos principais motivos da poesía do rock para desentrañar así a materia lírica que nos vincula e que forma parte do noso imaxinario cultural”.

Rodríguez Barcia, especializada no estudo da relación entre ideoloxía, discurso e sociedade, explica que a idea deste libro xorde, a partir dunha proposta de Jorge Luis Bueno, director do Servizo de Publicacións, “que coñecía os cursos que Bosco e máis eu viñamos impartindo como parte da oferta de Extensión Universitaria. Sempre foi un soño de ambos porque adoramos a música”. No seu libro as e os lectores van atopar “poesía e música fundamentalmente. Van poder acceder a unha análise da evolución dos principais motivos poéticos no pop/rock, coñecer artistas e acceder a listas de Spotify realizadas sobre cada capítulo e artista. É unha experiencia sensorial completa”, recalca Rodríguez Barcia.

Unha resposta a través da poesía do rock

Dende os inicios do rock, destacan os autores, as letras da música popular canalizaron as principais preocupacións e anhelos do ser. “A poesía do rock foi a resposta á pregunta sobre a nosa natureza, unha explicación sobre as fortalezas e debilidades da condición humana”. O libro fai un percorrido polas cancións en inglés dos últimos cen anos dende a perspectiva do discurso poético. De feito, esta viaxe comeza antes do propio nacemento deste xénero, arranca con “referentes de folk incluso anteriores como Joe Hill que destacamos especialmente polo seu compromiso coa clase traballadora. Ao final, a música popular ten o xermolo no sentimento de comunidade, na forza do común”. 

Sobre a elección de centrarse unicamente na musica en inglés, Rodríguez Barcia resalta que o motivo principal é que “a música en inglés está moi presente no imaxinario colectivo”, pero esta decisión tamén está relacionada co feito de que Bosco Gil “xa facía traducións dende o inglés e porque, en definitiva, os nosos principais referentes musicais escriben nesta lingua”. Con todo, recoñece que lles gustaría continuar traballando noutras linguas “para facer accesible o contido de composicións da tradición francesa ou portuguesa, por exemplo”. 

Para a elaboración deste libro traduciron preto de 600 cancións e realizaron 150 fichas monográficas dunha selección de compositoras e compositores esenciais para entender a historia da música pop e rock en inglés. Foi un proceso realizado “a catro mans, excepto as traducións que realizou na súa maioría Bosco”, explica a docente. “Decidimos xuntos a estrutura e as fichas de artistas, escribíamos ás veces de forma síncrona e outras cada un ao seu tempo en documentos compartidos. Tratamos de meternos na mente un do outro para destacar o que nos parecía realmente importante. As cancións guiaron o noso camiño”. 

O amor, sempre presente

Respecto das temáticas que definen estes 100 anos de rock e pop, Barcia explica que “hai décadas máis revolucionarias e outras máis utópicas; pero a constante absoluta é o amor en todas as dimensións posibles”. Outras temáticas recorrentes son a liberdade, a soidade, os soños, a denuncia das desigualdades, etc.

O que si consideran os autores un debate sobre se se poden considerar poesía as letras das cancións. “A linguaxe poética é identificable na máxica combinación de palabras. Por suposto, non todas as letras de cancións serán poesía. Iso si, a música ten un espazo de privilexio en canto ao acceso masivo á sociedade”. Neste sentido, no libro tamén abordan “a enorme influencia que existe entre ambos xéneros” e destaca a “be coñecida” pegada de Rimbaud en Patti Smith, por exemplo. “Agora mesmo temos excelentes poetas en Galicia como Iria Bragado, Nuria Vilán, Tamara Andrés ou Branca Trigo, por mencionar algunhas e o libro tamén é un xeito de reivindicar a importancia da poesía con independencia da música”. 

Unha mostra deste recoñecemento da poética das cancións é Nobel de Literatura outorgado a Bob Dylan ou os importantes recoñecementos que obtivo Leonard Cohen polas súas composicións. En calquera caso, destaca Rodríguez Barcia, “máis aló dos premios, está o que a música e as letras fannos sentir. Hai cancións que son terapéuticas, que nos ligan á vida; outras elevan o espírito para loitar polos nosos dereitos; outras conseguen que soñemos. Con premios ou non a poética do rock forma parte das nosas vidas”, conclúe.

Ilustracións de Rubén Suárez

O libro está ilustrado por Rubén Suárez, e na cuberta hai un oco para nomes tan senlleiros do rock anglosaxón como Jim Morrison, Patti Smith, Bob Dylan e Leonard Cohen, mentres que na traseira aparecen Nick Cave, David Bowie, Joni Mitchell e John Lennon. 

Tras a presentación este xoves na librería Versus, o día 3 de xuño tamén se presentará na librería Paz, en Pontevedra, ás 12.30 horas e o día 17 na galería Maraca, en Vigo. A obra pódese mercar nos puntos de venda ao público e distribución cos que ten acordo o Servizo de Publicacións.