DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A biblioteca do campus acolle unha mostra de obxectos astronómicos

100 lúas cadradas de imaxes do universo

O recuncho temático do centro tamén está dedicado a esta temática

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Divulgación
  • Cultura
DUVI Ourense 02/12/2021

Desde esta semana e ata o 14 de febreiro de 2022 a Biblioteca Rosalía de Castro do campus de Ourense acolle a exposición itinerante 100 Lunas Cuadradas, composta por fotografías feitas no Observatorio do Teide, do Instituto de Astrofísica de Canarias (IAC). Nela pódese ver  todo tipo de obxectos astronómicos e algúns descubrimentos relevantes en astrofísica, como sistemas exo-planetarios, estrelas adolescentes, fósiles cósmicos, lápidas fugaces ou grupos galácticos.

A exposición é unha iniciativa nada no marco do proxecto Niépce: do negativo ao positivo, desenvolvido co gallo dos 200 anos das primeiras imaxes fotográficas da historia. Con ela, a astronomía quixo render homenaxe á fotografía por ter permitido multiplicar os datos obtidos cos telescopios. O nome mostra débese a que as dimensións de cada unha das nove fotografías que a compoñen son dez veces por cada lado o tamaño aparente da lúa, que se emprega como unidade de medida, o que supón en total unha área de 100 lúas cadradas. A itinerancia de 100 Lunas Cuadradas na Universidade de Vigo forma parte do plan anual de actividades 2021-2022 da UCC+i Ciencia de ida e volta, que conta coa colaboración da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología do Ministerio de Ciencia e Innovación. Tras o seu paso por Ourense, exporase en Pontevedra e Vigo.   

Recuncho temático

Complementando esta iniciativa, na entrada da biblioteca, no seu espazo divulgativo de fondos chamado recuncho temático, as e os seus usuarios do centro poden ver e coller en préstamo unha selección de libros arredor da temática do universo. A selección, feita por técnicas da biblioteca, abrangue desde contos infantís, como A que sabe a lúa? e atlas do universo ata libros nos que se aborda a relación entre a astronomía e a historia, por exemplo Pirámides, templos y estrellas, e obras divulgativas de referencia, como Cosmos, de Carl Sagan.