DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A mostra 'Afinidades Selectivas', que acada a 11ª edición, inaugurouse este xoves 

11 ideas verdes incoloras dormen furiosamente desde hoxe na Casa Galega da Cultura 

Docentes e egresados de Belas Artes crearon as pezas da mostra, comisariada por Chelo Matesanz 

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Arte
  • Cultura
Mª del Carmen Echevarría DUVI 06/02/2020

Desde hoxe e ata o vindeiro 15 de marzo a Casa Galega da Cultura albergará  a exposición titulada Ideas verdes incoloras dormen furiosamente, frase da obra Estruturas sintácticas do lingüista e filósofo estadounidense Noam Chomsky, que exemplifica unha estrutura gramaticalmente correcta, pero sen significado aparente e coa que o autor norteamericano amosaba o seu interese pola gramática, polas regras que constrúen oracións, independentemente do que significasen. “As obras que conforman a mostra, son todas obras de artistas que desenvolveron xa unha ampla traxectoria como tales, e que loxicamente utilizaron as ‘regras’, os procesos ao seu xeito, para construír significados diferentes e complexos”, explica Chelo Matesanz, docente e investigadora da Facultade de Belas Artes da Universidade de Vigo e comisaria da exposición, a decimo primeira da serie Afinidades Selectivas, nas que docentes e estudantes do centro crean xuntos as obras que conforman a mostra.

Once pezas de oito artistas integran Ideas verdes incoloras dormen furiosamente, onde conviven técnicas, materiais e disciplinas, “procurando que o repertorio sexa variado tamén nos diálogos, nas tensións que crean as obras ao estar unhas ao lado doutras e tamén co espazo no que se amosan”, detalla Matesanz. Así, a parella formada pola docente Teresa Pajares e a egresada Blanca Nieves Lourés, presentan unha obra sen título elaborada con papeis vexetais e pintura acrílica, no caso de Pajares, e as obras Autorretrato, Nudo de Alejandro e Columna de Lourés. Pola súa banda, o profesor Juan Carlos Román presenta Visión paranoico-crítica del presidente Mariano Rajoy como el velazqueño Conde Duque de Olivares, mentres que o egresado Ventura A. Pérez amosa a peza de cerámica titulada 99 formas. A mostra complétana o docente Jesús Pastor coa impresión sobre papel algodón Neither. Autor Morton Feldman (2010). Universal Edition Ltd, Plöchl. Freistadt. ISBN: 978-3-7024-6619-0, 2013 e a alumna Eva Quinteiro coas obras Memoria e outra sen título, elaborada con terra e raíces e Trompe-Soleil da docente Elena Lapeña e Dibujar lo más alto posible e Estampar las arrugas de la frente do titulado Enrique Lista. “Cada docente elixe o seu partner e tamén o xeito de establecer ese diálogo. Nalgún momento, mentres se levaba a cabo a docencia (as e os alumnos son egresados), producíase esa ‘Afinidade’, que non significa necesariamente unha asimilación do expresado na aula, senón que hai un entendemento que está por riba da relación de ensinar e aprender”, sinala a comisaria da mostra, que explica que nalgúns destes casos, compártese actividade e obxectivos nos grupos de investigación, e isto se transfire á creación artística persoal.

Na inauguración da mostra, que tivo lugar esta tarde na Casa das Artes, a vicerreitora de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria, Natalia Caparrini asegurou que “a nosa pretensión de trasladar a sociedade o labor que estamos a desenvolver nas nosas aulas, talleres e facultades, vese recompensado ano tras ano coa fantástica acollida que anualmente nos brinda a cidadania de Vigo. Afinidades selectivas amosa a seu bo facer: o exitoso das pasadas edicións, o presente que hoxe inauguramos e un futuro que agardamos sexa igual de exitoso. Pola súa banda, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, reivindicou a Casa das Artes como un espazo para a liberdade de creación, ao tempo que amosou a súa satisfacción porque “este proxecto teña tanta vida”.

Coñecer as regras para logo saltalas

A premisa de que frase de Chomsky que lle dá título a exposición non signifique nada, amosa unha vez máis, segundo Chelo Matesanz, que para as e os artistas o mundo simbólico da linguaxe poder ser tomado como real, ou surrealista, suxestiva en canto a imaxe. “A sintaxe non é suficiente para explicar todos os procesos de comprensión e produción da linguaxe, do mesmo xeito que a obra de arte se vincula fortemente ao contexto no que se produce e no que se amosa. Nas facultades de Belas Artes, estúdanse e practícanse os procesos de creación do mesmo xeito que se fixo en todas as épocas, pero entender o ‘agora’ faise desde a capacidade que ten o individuo ou a sociedade de buscar imaxes ou signos, para a súa propia presentación”, explica a docente e investigadora.

Sobre o seu labor como comisaria da mostra, Chelo Matesanz considérao como algo especial “que, aínda que forma parte da miña actividade como artista, investigadora e docente, o disciplinar da arte implica o coñecemento do relato expositivo como o creativo. Todas as persoas que constituímos este proxecto atopámonos aquí como docentes, artistas, investigadores, etc,. profesionais da arte en definitiva, que podemos estar todos e todas en calquera destes espazos categoriais”, explica.