Procedentes de Exipto, Indonesia, Irán, Siria, Palestina e Turquía
117 estudantes LCA gradúanse no primeiro curso do Diploma de Formación Universitaria como título propio da UVigo
Outros 26 alumnos e alumnas remataron o curso semestral
Durante os últimos nove meses na UVigo uns 150 estudantes, chegados dunha decena de países, melloraron as súas competencias lingüísticas en español ao tempo que se integraban académica, social e culturalmente. Deses alumnos e alumnas, 117 procedentes de Exipto, Filipinas, Palestina, Indonesia, Irán, Siria, Túnez ou Turquía graduáronse este venres como estudantes do curso anual de LCA, Diploma de Formación Universitaria Lingua, cultura e adaptación á universidade, que por vez primeira impartiu a UVigo como título propio, incorporado á oferta formativa do Centro de Posgrao e Formación Permanente. Un acto de graduación, celebrado este mediodía no salón de actos da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo, no que tamén participaron 26 estudantes do curso semestral de LCA de Exipto, Indonesia, Irán, Siria e Turquía e que a vicerreitora de Estudantado e Vida Universitaria, Dolores González, destacou “ recoñece o traballo, esforzo e compromiso do alumnado”.
A vicerreitora, que lembrou o inicio desta iniciativa hai nove anos, agradeceu a confianza do estudantado a quen dixo “que esta universidade seguirá sendo sempre a vosa casa. As portas a UVigo quedan abertas para vós. Oxalá esta experiencia fose só o comezo dunha relación máis longa coa nosa institución e anímovos a considerar a posibilidade de quedarvos con nós para cursar algún dos nosos títulos de grao ou de mestrado”.
Cos seus exames CertAcles, realizados polo Centro de Linguas da UVigo, unha das entidades acreditadas por ACLES (Asociación de Centros de Linguas da Ensinanza Superior) para elaborar e administrar esta proba con validez en todo o Espazo Europeo de Educación Superior, e aprobados, o alumnado LCA poderá agora incorporarse ao sistema universitario español, incluída a UVigo, onde algúns deles e delas matricularanse para cursar unha titulación.
“O deste curso académico foi o mellor grupo de estudantes de LCA que tivemos dende o inicio do programa en 2018/2019: 40 estudantes aprobaron o exame CertAcles español B2 e 71 o B1, mentres que os estudantes que non conseguiron aprobar o exame CertAcles español acreditaron un nivel inferior e recibirán un certificado propio do Centro de Linguas”, explica Ana Isabel González Fernández, docente da Área Dereito Procesual e directora do título propio. González destacou a “valentía” do alumnado, así como “o seu compromiso” e agradeceulles que fosen quen de achegar ao profesorado do curso ás súas linguas e países de procedencia. Pola súa banda, a docente do Centro de Linguas da UVigo Ángeles Tomé lembrou algunha das moitas experiencia vividas polo alumnado, e dixo, logo de cursar este título “sodes máis cosmopolitas, independentes, empáticos e tolerantes”, ao tempo que a UVigo “é máis plural, internacional, aberta ao mundo e inclusiva”.
Experiencias en primeira persoa
En nome do alumnado do curso completo Sama Agbaryia comezou a súa intervención saudando con retranca “a todos os que sobreviviron a aprender o subxuntivo en español”. A moza palestina de 22 anos asegurou que máis aló de aprender un idioma, que era o seu obxectivo inicial, “España ensinoume a arte de vivir a modo, de gozar do proceso e de medrar”. Sama tivo un recordatorio para a súa familia de Palestina, pero tamén para a que formou en Vigo, que considera “o meu segundo fogar”. Ademais de agradecer o traballo do profesorado e de Campus Spain, tamén recoñeceu o valor dos seus compañeiros e compañeiras aos que desexou “todo o éxito polo que traballastes, porque non hai límite e gozade a vida ata o final”.
Pola súa banda, en representación do alumnado do curso semestral Bona Noble Ruterana Basinga de Uganda lembrou o esforzo que supuxo incorporarse non só a aprendizaxe dun idioma novo, “senón tamén empezar unha vida nova, nun país diferente, estudar moito… Para ser sinceros non foi doado, tivemos moito estrés, pero ao final perseveramos, dixo.
Elevada asistencia ás aulas e adaptación á vida do campus
As persoas responsables do título destacan que este curso o índice de asistencia ás aulas foi o máis alto dende o inicio do programa e “a adaptación á vida no campus foi tamén a máis favorable: uso de instalacións deportivas, biblioteca, coñecemento de distintos edificios do campus de Vigo, participación no tándem lingüístico con integrantes da comunidade universitaria, visitas masivas aos campus de Pontevedra e Ourense”, detallan.
A través da mellora das competencias lingüísticas e da integración académica, social e cultural, “acadar este título supón para o alumnado unha vantaxe relevante cara o futuro, xa que amplía as súas posibilidades de acceso a estudos universitarios, mellora a súa empregabilidade, reforza o seu currículo e proporciónalles ferramentas esenciais para desenvolverse con maior autonomía nun contexto académico e profesional internacional”, explican.
