DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O evento, dirixido por Luis Liz Marzán, terá lugar do 7 ao 9 de xuño no edificio Miralles

12 especialistas internacionais en nanociencia participarán en Vigo na 2ª edición de The Thinking Institute

O programa inclúe estudos fundamentais, novas técnicas e aplicacións en biomedicina e enerxía

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • Divulgación
  • HRS4R
  • Investigación
DUVI 25/05/2023

Xa está todo listo para a celebración en Vigo da segunda edición do encontro The Thinking Institute, unha xuntanza que busca consolidarse como encontro internacional anual para especialistas do eido da nanociencia.  Nesta ocasión participarán como relatores 12 expertas e expertos chegados de diferentes lugares do mundo (Michigan, Illinois, Trieste, Amberes, Lausanne …), a inmensa maioría dos cales xa participaron na primeira edición do encontro, celebrada en xullo do 2022, entre eles o químico Nicholas Kotov, recoñecido internacionalmente polos seus descubrimentos fundacionais no campo das nanoestruturas biomiméticas, quen proximamente será investido doutor honoris causa da Universidade de Vigo a proposta dos profesores Luis Liz Marzán e Miguel Correa Duarte, cos que colabora desde hai máis de 25 anos. A cita será do 7 ao 9 de xuño no edificio Miralles, baixo a dirección do catedrático Luis Liz Marzán e co apoio do Centro de investigación en Nanomateriais e Biomedicina, Cinbio.

Trátase de crear un espazo de difusión do coñecemento, intercambio de ideas e impulso de sinerxías e colaboracións internacionais en futuros proxectos de investigación. “Grazas a iniciativas internacionais como esta, promociónase o talento investigador, tanto do Cinbio como da Universidade de Vigo, a través do contacto con investigadoras e investigadores do máis alto nivel”, subliña o seu organizador, Luis Liz Marzán, quen insiste en que será un programa protagonizado pola nanociencia, incluíndo estudos fundamentais, novas técnicas de caracterización, e aplicacións nos eidos da biomedicina e a enerxía.

Será, ao seu xuízo, un programa protagonizado pola nanociencia, incluíndo estudos fundamentais, novas técnicas de caracterización e aplicacións nos eidos da biomedicina e a enerxía. “O obxectivo, un ano máis, é crear un foro de pensamento e debate científico que busca o intercambio de coñecemento, a creación e consolidación de redes de colaboración que poidan dar os seus froitos a medio e longo prazo”, destaca o director da iniciativa.

Especialistas en nanociencia, nanomedicina e nanoquímica

Nesta ocasión, o panel de relatores está formado, ademais de polo propio Nicholas Kotov (University of Michigan), por Catherine J.Murphy (University of Illinois); Maurizio Prato (CIC biomaGUNE e Universidade de Trieste); Mónica Olvera de la Cruz (Northwestern University); Sara Bals (Universiteit Antwerpen); Joerg Lahann (University of Michigan); Francesco Stellacci (Ecole Polytechnique Fédérale de Lausanne); Michael Bedzyk (Northwestern University); o propio Luis Liz Marzán (CIC biomaGUNE e Universidade de Vigo), e tamén investigadores máis novos do Cinbio: Sara Núñez Sánchez, Lakshminarayana Polavarapu e Margarita Vázquez González. Son en total trece poñentes, expertos nos eidos da nanociencia, nanomedicina e nanoquímica. “Unha vez superada a pandemia da covid-19, a presente edición do Thinking Institute será 100% presencial, confirmando así o interese deste plantel de especialistas pola actividade do Cinbio e a Universidade de Vigo”, recalca o catedrático.

O congreso está dirixido a investigadoras e investigadores interesados nos nanomateriais e disciplinas relacionadas; tanto en etapa estudante como sénior. Cabe destacar, que o público asistente terá a oportunidade de conversar cos relatores invitados, xa que o formato inclúe tempos específicos para favorecer a interacción, coa finalidade de impulsar colaboracións internacionais. 

En 2022 asistiron máis de medio cento de científicas e científicos

Para asistir ao congreso é necesaria a inscrición previa na páxina web do Cinbio, tendo prioridade o propio persoal do centro. Na primeira edición do encontro, celebrada no salón de actos do edificio de Ciencias Experimentais o 4 e 5 xullo do 2022, contouse coa participación de máis de medio cento de científicas e científicos.