DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Primeiro proxecto da UVigo co Instituto Europeo de Innovación e Tecnoloxía, EIT

1,2 millóns de euros para impulsar o emprendemento nas institucións europeas de educación superior

Pablo Cabanelas, coordinador: “Entre todos fomos quen de montar unha proposta gañadora”

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • Internacional
  • Investigación
D. Besadío DUVI 06/07/2022

A Universidade de Vigo é unha das entidades seleccionadas para participar na segunda edición da Iniciativa HEI: Desenvolvemento da capacidade de innovación na ensinanza superior, un plan financiado con 31,2 millóns de euros polo Instituto Europeo de Innovación e Tecnoloxía, EIT, organismo dependente da UE, e no que participan cerca de 300 institucións de educación superior de 38 países. Trátase de axudar as universidades europeas a desenvolver e implementar plans de acción que melloren a súa capacidade empresarial e de innovación en todos os niveis institucionais. Vigo liderará o consorcio HEI4 Future, ao que se destinaron 1,2 millóns de euros.

HEI4 Future centrarase en potenciar o emprendemento e as capacidades innovadoras nas institucións de educación superior. “Para conseguilo imos enfatizar o co-deseño de procesos con múltiples grupos de interese, tanto externos, incluíndo a industria, os centros tecnolóxicos e as administracións públicas, como tamén internos, é dicir, o alumnado, o persoal de apoio e o profesorado”, explica o profesor do Departamento de Organización de Empresas e Marketing Pablo Cabanelas, coordinador xeral do proxecto, quen esta semana participa en Barcelona no lanzamento institucional desta iniciativa, unha xuntanza organizada pola EIT para presentar e establecer os primeiros contactos entre os socios dos consorcios. 

“A idea é empregar contornas abertas de Innovación e procesos de aprendizaxe que permitan mellorar as habilidades brandas, as denominadas soft skills”, explica Cabanelas, docente na Facultade de Comercio. “En definitiva, buscaremos transformar as capacidades tecnolóxicas en novas habilidades que favorezan o xurdimento de novos produtos e servizos traballando conxuntamente con axentes de diferentes industrias”.

Seis socios europeos nun consorcio liderado desde Vigo

Xunto á UVigo, que lidera o proxecto, forman parte deste consorcio a University of Elbasan Aleksandr Xhuvani, de Albania; a University College of Northern Denmark, en Dinamarca; o Fondazione Politecnico di Milano, en Italia; a Universidade de Lisboa e PowerHub, z.u., unha empresa da República Checa. A Uvigo, coma beneficiario principal, é a responsable de coordinar o proxecto e, a maiores, ten a responsabilidade da comunicación, un esforzo conxunto e coordinado co resto dos membros do consorcio. Alén disto, o equipo da UVigo fará actividades de promoción do emprendemento, creación de grupos de innovación educativa baseadas en contornas dixitais, programas de formación en competencias emprendedoras, actividades de transferencia de tecnoloxía, recompilación de boas prácticas e mobilidade internacional, entre outras.

Ata xuño de 2024

A iniciativa arrancou oficialmente o pasado 30 de xuño, pero o lanzamento institucional por parte da EIT celebrouse este martes e mércores na cidade Condal. É un proxecto que ten dúas fases, a primeira prolongarase ata o vindeiro 31 de decembro e, unha vez revisados os indicadores establecidos, ampliarase automaticamente ata finais de xuño de 2024. 

Trátase do primeiro proxecto da UVigo realizado man a man coa EIT, organismo creado no 2008 co obxectivo de fortalecer a capacidade de innovación dos países da Unión Europea.  Conseguilo non foi doado, tal e como explica Cabanelas, é unha é unha convocatoria que ten características e condicións de elixibilidade complexas que houbo que resolver antes de ter as condicións propicias para acceder. “Ademais, tivemos que cumprir unha orientación temática complexa, de carácter transversal, é dicir tiñamos que demostrar certo ‘expertise’ en mobilidade, saúde e fabricación coma consorcio, e iso demandaba de socios complementarios”, indica o coordinador. “Neste sentido, o problema non foi tanto de taxa de éxito, que non era baixa, senón de poder chegar á convocatoria, porque había que ter parceiros que foran socios de pleno dereito da EIT”, recalca o docente.

Cabanelas non dubida ao afirmar que a consecución deste proxecto supón agora un importante recoñecemento á traxectoria de diferentes áreas, centros e grupos da universidade como son a Facultade de Comercio, a Oficina de Transferencia de Investigación (OTRI), a Área de Emprego e Emprendemento e o Grupo de Investigación Organización do Coñecemento (OE7), ao que el mesmo pertence. “Entre todos fomos quen de montar unha proposta gañadora, que non sería posible sen a colaboración dos demais socios”, salienta Cabanelas.

Puntos fortes e retos do proxecto

Como puntos fortes de HEI4 Future destácase, sobre todo, o interese que ten en fortalecer os procesos de transferencia tecnolóxica entre as institucións de educación superior e os ecosistemas de negocios para converter as ideas en valor, “de modo que se achegue esa desexada idea dunha economía europea sostible”. O segundo é a diversidade do consorcio, con socios de diferentes países con diversidade cultural e contorna institucional diferente, “é dicir, un grado de maduración e unha tipoloxía de axentes diferente e que debe atopar puntos en común para acadar os obxectivos compartidos”, salienta o investigador. Como terceiro eixe central está o desenvolvemento dun modelo de innovación aberta no eido educativo que sexa capaz de fomentar a hibridación de sistemas produtivos clave na economía europea, “coma son a mobilidade avanzada, a saúde-nutrición e a fabricación intelixente”.

A idea subxacente do proxecto é, segundo destacan desde a organización, reducir a distancia entre a oferta e a demanda educativa, deseñando e creando novos programas que permitan acadar novas competencias educativas. Polo tanto, “o gran reto é coordinar as diferenzas entre os membros do consorcio, no que as HEI teñen unha forte presencia, pero, sobre todo, conseguir a implicación da comunidade e grupos de interese internos, xa sexan persoal, investigadores, profesores e estudantes, ou externos, empresas, ecosistemas emprendedores e outras institucións”.

As universidades como motor de innovación local e rexional

En declaracións de Mariya Gabriel, comisaria europea de Innovación, Investigación, Cultura, Educación e Xuventude, durante o ano pasado este iniciativa do Instituto Europeo de Innovación e Tecnoloxía “xerou un grande impulso para facer que as institucións de educación superior sexan máis innovadoras e emprendedoras ao vinculalas con empresas e centros de investigación”. Neste sentido fixo tamén fincapé en que “as universidades teñen un papel fundamental no desenvolvemento e  crecemento dos ecosistemas de innovación locais e rexionais”. Pola súa banda, Gioia Ghezzi, presidenta da Xunta de Goberno da EIT, agregou que as institucións de educación superior albergan e nutren gran cantidade de talentos, habilidades e potencial, e xa é hora de que a súa investigación e ideas se transformen en innovacións. “A EIT está aquí lista para axudarlles coas ferramentas que precisan, para reinventar vellas formas de traballar e crear novas oportunidades”, recalcou.

As organizacións involucradas nos proxectos seleccionados inclúen, entre outras, a Universidade de Udine (Italia), a Axencia de Innovación Báltica, a Universidade de Trakia (Bulgaria), a Universidade Tecnolóxica de Poznan (Polonia), a Universidade Noruega de Ciencias da Vida ou a española Universidad Politécnica de Catalunya.