DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O 21st EuroBlight Workshop terá lugar do 18 ao 21 de maio na Facultade de Ciencias

120 especialistas de 20 países participarán en Ourense nun encontro de referencia internacional sobre patóxenos da pataca

Nel abordaranse os retos en produtividade e sostibilidade deste cultivo estratéxico

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Internacional
  • Investigación
  • Investigación
DUVI Ourense 05/05/2026

A Facultade de Ciencias do campus de Ourense acollerá do 18 ao 21 de maio a celebración do 21st EuroBlight Workshop, un dos encontros científicos máis relevantes de Europa no ámbito da sanidade vexetal e da produción sostible da pataca. Nel participarán 120 investigadoras e investigadores de 20 países e de 58 centros de investigación e empresas tecnolóxicas. A elección da Universidade de Vigo como sede desta edición, comentan desde a organización, “sitúa o campus de Ourense no mapa europeo da investigación agraria e medio ambiental”.

O encontro en Ourense está promovido polo Grupo de Investigación en Sistemas Agroambientais (GISA) da UVigo, sendo as súas responsables M. Carmen Seijo e Laura Meno, e enmárcase na liña de investigación deste grupo en patóxenos de cultivos como a pataca. Ademais, conta co apoio da Vicerreitoría do campus de Ourense e do Campus Auga, o proxecto de especialización do campus ourensán acreditado pola Xunta de Galicia, e a Deputación de Ourense-Inorde. Segundo explican, a rede EuroBlight reúne periodicamente universidades, centros tecnolóxicos, empresas, administracións públicas, persoal investigador e profesionais do sector agrario para abordar un dos grandes desafíos da agricultura europea: o control do mildio e da alternariose da pataca (Phytophthora infestans e Alternaria), “que cada ano ameazan a produtividade e a sostibilidade deste cultivo estratéxico”.

Segundo sinalan desde o comité organizador, a produción de pataca en Europa afronta actualmente novas dificultades derivadas da aparición de cepas máis agresivas dos patóxenos, algunhas con menor sensibilidade a funxicidas clave e outras capaces de superar resistencias xenéticas presentes en variedades comerciais. A isto súmanse os cambios lexislativos e ambientais que afectan ao uso de produtos fitosanitarios, así como maior demanda dos consumidores e consumidoras de alimentos máis sostibles e respectuosos. Neste contexto, a rede EuroBlight impulsa a cooperación científica internacional para deseñar, probar e avaliar solucións innovadoras que permitan un control máis sostible, eficaz e resiliente do mildio e da alternaria en toda Europa. No marco deste reto, organiza bianualmente o encontro que terá lugar en Ourense e que anteriormente se celebrou en cidades como Lunteren (2024), Ascona (2022), York (2019) e Aarhus (2017). 

Intercambio de datos e colaboración  

Durante catro días, o evento en Ourense reunirá especialistas de distintos países, entre eles todos os referentes na temática da cita, para compartir resultados científicos, ferramentas dixitais, estratexias de manexo integrado e novas liñas de colaboración. Entre os principais temas da cita están como xestionar o mildio con acceso limitado a funxicidas tradicionais; as estratexias para previr resistencias a funxicidas e uso de produtos alternativos; e a aplicación do coñecemento sobre a planta hospedadora, o patóxeno e as súas interaccións para mellorar estratexias de control e sistemas de axuda á decisión. Tamén se falará da integración de modelos locais de predición con información de hóspede e patóxeno a escala de paisaxe; a colaboración global para comprender, innovar e limitar a dispersión de enfermidades e a ciencia, innovación e cooperación europea. O encontro porá especial énfase no intercambio de datos, a ciencia colaborativa e a creación de infraestruturas comúns para responder a ameazas fitosanitarias cada vez máis complexas.