DUVI

Diario da Universidade de Vigo

NALS 2026, organizado polo CINBIO, arrancou este mércores na sede de Afundación

120 especialistas de diferentes países participan en Vigo na 5ª Conferencia Internacional sobre Nanomateriais Aplicados ás Ciencias da Vida

Nanomedicina, cancro e novas terapias avanzadas son algunhas das temáticas principais

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • Investigación
  • Investigación
DUVI 11/03/2026

Vigo convértese esta semana no punto de encontro internacional para a investigación en nanociencia aplicada á biomedicina coa celebración da 5ª Conferencia Internacional sobre Nanomateriais Aplicados ás Ciencias da Vida (NALS 2026). O evento, organizado pola Universidade de Vigo e o Grupo de Nanomateriais Híbridos do Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina (CINBIO), pertencente á Rede CIGUS, desenvólvese dende hoxe mércores ata o venres na sede de Afundación e reúne a 127 participantes procedentes de diferentes países.

O congreso inaugurouse esta mañá cun acto institucional co que arrancan tres xornadas de actividades científicas. Na apertura participaron representantes da organización e das institucións implicadas, como Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo; Mª Carmen Blanco López, presidenta da Asociación NALS e profesora da Universidade de Oviedo; Miguel Ángel Correa, director do CINBIO; así como as investigadoras do mesmo centro, Verónica Salgueiriño e Lorena García Hevia, que destacaron a relevancia de encontros como este para impulsar a colaboración internacional e avanzar na investigación. 
O NALS mantén a liña das edicións anteriores, apostando por un alto nivel científico e por facilitar a participación da comunidade investigadora máis nova. Segundo explica Verónica Salgueiriño, unha das organizadoras, “a intención é consolidar un espazo de intercambio científico accesible e de referencia no ámbito da nanomedicina”.

Nanomateriais ao servizo da saúde

O congreso xira arredor dos nanomateriais aplicados ás ciencias da vida, un campo interdisciplinar que combina química, física, bioloxía e medicina para desenvolver novas ferramentas diagnósticas e terapéuticas. Entre os relatorios plenarios figuran especialistas recoñecidos internacionalmente que abordarán cuestións como a nanomedicina aplicada ao cancro pediátrico, o estudo dos procesos de metástase, os materiais plasmónicos para monitorizar actividade tumoral ou o uso de micro-robots en saúde reprodutiva.

Participarán investigadoras e investigadores como María Blanco Prieto (Universidade de Navarra), Jacky Goetz (Universidade de Estrasburgo), Luis Liz Marzán (CINBIO e CIC Biomagune), Teresa Pellegrino (Instituto Italiano de Tecnoloxía de Xénova), María Jesús Vicent (Centro de Investigación Príncipe Felipe de Valencia) ou Mariana Medina Sánchez (CIC Nanogune).

Un espazo para crear redes científicas

A maior parte das persoas participantes proceden de España, aínda que tamén haberá investigadores do norte de Portugal e doutros países europeos como Alemaña, Italia, Luxemburgo ou Grecia.

Máis alá das sesións científicas, o programa do congreso está pensado para favorecer a interacción entre as persoas participantes. “Confiamos en xerar un ambiente no que as persoas máis novas poidan achegarse a investigadores de recoñecido prestixio, facer preguntas e discutir as súas ideas”, explica Salgueiriño. “Queremos que lles sirva para atopar referentes e para iniciar novas colaboracións científicas”.

Neste sentido, unha parte importante do público do congreso está formada por estudantes de doutoramento, para quen a organización buscou crear un contexto propicio para o intercambio de coñecemento, xa que “un dos maiores desafíos foi manter un alto nivel científico sen incrementar as cotas de inscrición, especialmente para o alumnado de doutoramento, cuxa taxa se sitúa en 200 euros”. O congreso, resume Salgueiriño, “busca ser un punto de encontro para compartir coñecemento, conectar persoal investigador e impulsar novas ideas na intersección entre nanomateriais e ciencias da vida”.