As solicitudes poden presentarse ata o vindeiro luns
12.000 euros en axudas para os mellores traballos académicos en lingua galega
O curso pasado beneficiáronse 86 alumnas e alumnos, o 63% estudantes de grao
A Área de Normalización Lingüística acaba de facer pública unha nova convocatoria de axudas para redactar e defender en galego teses de doutoramento, traballos de fin de grao e de mestrado. Repartiranse en total 12.000 euros, 600 euros para os autores e autoras das mellores teses e 150 para os TFG e os TFM. Trátase non só de incentivar o uso do galego nos traballos académicos, senón tamén de premiar o esforzo e o rigor de darlle un tratamento coidadoso á lingua incrementando así o patrimonio dos textos redactados.
As persoas interesadas en solicitar unha destas axudas poden facelo ata o vindeiro 30 de setembro. Os únicos requisitos son ter defendido os seus traballos entre o 16 de setembro de 2023 e o 15 de setembro de 2024, acreditar que se fixeron en galego e, no caso dos TFG e TFM obter unha cualificación mínima de 9. Quedan excluídos destas axudas os TFG do Grao en Ciencias da Linguaxe e Estudos Literarios (módulo de lingua galega), do Grao en Tradución e Interpretación (Galego-Inglés) e do Grao en Tradución e Interpretación (Galego-Francés).
O curso pasado concedéronse un total de 86 axudas: 55 para Traballos de Fin de Grao, 28 para Traballos Fin de Mestrado e tres para teses de doutoramento.
Solicitudes en liña
As persoas interesadas deberán realizar a súa solicitude obrigatoriamente a través dun formulario en liña dispoñible na sede electrónica da Universidade, incluíndo unha declaración do seu director ou directora da tese ou do titor ou titora do TFG ou TFM que confirme que o traballo se redactou e se defendeu integramente en lingua galega, e unha copia en formato PDF do traballo ou enlace ao repositorio.