DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Desde este martes e ata o xoves as probas celébranse no campus e na Rúa

1225 estudantes afrontan na provincia de Ourense a ABAU

Arrancaron co exame de Lingua Galega e Literatura

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Estudantado
  • Estudantes
DUVI Ourense 04/06/2024

Ao igual que nos demais campus galegos, a ABAU 2024, as probas de Avaliación de Bacharelato para Acceso á Universidade, arrancaron este martes no campus de Ourense. Como cada ano, na provincia de Ourense os exames realízanse tanto nas instalacións universitarias como no IES Cosme López Rodríguez, da Rúa, e neles participan un total de 1225 rapazas e rapaces, dato algo superior ao do curso pasado, que ascendeu a 1192.

No campus de Ourense examínanse en total 1098 estudantes (cifra superior á do ano 2023, que foi de 1069) e na Rúa 127 (dato superior ao do curso pasado, que foi de 123). Nas instalacións universitarias da UVigo en Ourense, as alumnas e alumnos están a realizar a ABAU 2024 no edificio Politécnico (347 estudantes); no Xurídico-Empresarial (209 na Facultade de Dereito e 212 na de Ciencias Empresariais e Turismo) e no Edificio de Ferro (330 rapazas e rapaces).

Entre este alumnado están Nerea Delgado e María Rodríguez, do IES As Lagoas, situado ao carón do campus. Á saída do primeiro exame, o de Lingua Galega e Literatura, as dúas amigas coincidían en destacar as súas primeiras boas impresións. “Na aula, co profesor de Lingua, faciamos exames tipo ABAU e este foi moi similar. Aínda que viña algo nerviosa, ao ver que era o de sempre díxenme: xa está, fixen mil destes, podo facer un máis”, explicaba Nerea Delgado, que desexa estudar o programa conxunto dos graos de Xeografía e Historia e Turismo no campus de Ourense. Coa realización destas probas de acceso ata o xoves culmina un curso académico que, apuntaban, requiriu moito esforzo e dedicación. “Se non estudas durante todo o ano, con toda a cantidade de materia que hai, é imposible facelo no último momento, tes que ser constante ao largo do curso e deixar estas dúas últimas semanas para repasar”, comentaba María Rodríguez, que tamén quere facer un dobre grao, no seu caso de Recursos Humanos e Relacións Laborais.