DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Recoñecidos cun estatuto propio, gozan de vantaxes como a flexibilización de horarios e exames

124 deportistas de elite formáronse na UVigo o curso pasado

Xa está aberto prazo para solicitar formar parte deste colectivo

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Deportes
  • Estudantado
  • Deportes
M. Del Río DUVI 17/09/2026

Para o alumnado que compaxina os seus estudos coa práctica deportiva de alto nivel, a etapa universitaria supón un dobre reto que, en moitas ocasións, os obriga a abandonar unha das dúas facetas. Para prestarlles apoio e axudalos a compaxinar estudos e deporte, a Universidade de Vigo aprobou en 2021 o Estatuto do estudantado deportista, un fito estrutural para a institución olívica que a situou á vangarda das universidades estatais de referencia como a de Málaga. 

Ano tras ano, o número de deportistas de elite que se acolleron aos beneficios que ofrece o Estatuto foi crecendo, pasando das 38 persoas repartidas en 16 modalidades deportivas no curso 2021/2022 a 124 deportistas de 28 disciplinas no pasado curso 2025/2026. Estas cifras confirman non só o alto rendemento deportivo do alumnado da UVigo senón tamén a necesidade de contar cunha serie de medidas promovan e apoien o deporte universitario e favorezan a conciliación da vida universitaria e deportiva.

Este marco normativo permite a implementación de medidas de conciliación académica e deportiva, como a elección de horarios ou grupos ou a flexibilización do calendarios de exames. Porén, o recoñecemento ten unha validez dun curso académico, polo cada ano por estas datas cómpre que o alumnado que cumpre os requisitos para formar parte deste colectivo, volva solicitar o seu recoñecemento. O prazo para facelo xa está aberto e rematará o 22 de xaneiro, aínda que é recomendable facelo o antes posible para facilitar a organización de horarios lectivos e grupos docentes.

Dereitos (e deberes) dos deportistas de elite

Poden ser recoñecidas como deportistas de elite as persoas competidoras, adestradoras ou xuízas deportivas que acrediten a condición de deportistas de alto nivel ou alto rendemento deportivo que participan en competicións de elite de ámbito nacional ou internacional e que precisan conciliar a súa actividade académica coa súa carreira deportiva.

Este colectivo ten dereito á elección do horario, quenda ou grupo, nos casos en que sexa posible, para compatibilizar a asistencia á clase coa súa actividade deportiva. Tamén poden xustificar as faltas de asistencia das sesións lectivas obrigatorias por participar en competicións oficiais e nas concentracións e nos adestramentos da selección española, mediante a correspondente certificación da federación deportiva. Gozan tamén de flexibilización do calendario de exames cando coincida con competicións oficiais e con concentracións e adestramentos da selección española, xustificados mediante a certificación correspondente. Teñen recoñecidos ata 6 créditos ECTS pola súa actividade deportiva e a reserva non inferior ao 5 % en prazas das residencias universitarias, así como a obtención da condición de estudante a tempo parcial, no caso de solicitala. A estas medidas súmase a gratuidade no uso das instalacións deportivas propias da Universidade de Vigo; a valoración da súa condición de deportista nos procesos de selección dos programas de mobilidade e aplicación das medidas específicas de apoio establecidas no programa PAT do seu centro.

Pero ademais destes beneficios, as e os deportistas de elite teñen unha serie de deberes. Por unha banda, colaborar coa Universidade de Vigo na divulgación e na promoción do deporte universitario, as boas prácticas no ámbito deportivo e os hábitos de vida saudable e representar a Universidade de Vigo nas competicións e convocatorias para as que sexa requirido. 

124 deportistas de elite no curso pasado

Durante o pasado exercicio académico, un total de 153 estudantes acolléronse ás medidas de flexibilización previstas no regulamento, cun equilibrio de xénero (78 mulleres e 75 homes) que demostra a equidade no acceso ao deporte de competición. Deles, 124 eran deportistas de elite (61 mulleres e 63 homes) distribuídos en 28 disciplinas como vela, ximnasia, natación adaptada, baile deportivo ou triatlón.

A estes hai que sumar os deportistas de nivel intermedio, un colectivo que comprende o estudantado representante da UVigo en competicións universitarias de ámbito estatal e internacional e as persoas integrantes da sección deportiva da UVigo ou das entidades federadas coas que se manteñan acordos baixo a denominación da UVigo. Neste caso atopábanse no curso pasado 29 estudantes (17 mulleres e 12 homes).

Como vén sendo habitual, a Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte do campus de Pontevedra é a que dá acubillo a máis deportistas de alto nivel (59), seguida das escolas de Enxeñaría Industrial (19) e Fisioterapia (12). Entre as medidas que máis habitualmente solicitaron estes mozos e mozas deportistas estivo o adiamento de exames oficiais por coincidencia con campionatos ou concentracións e a reasignación de quendas de prácticas.