DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este luns arrancou o curso 'Educación da voz e do discurso'

13 días por diante para aprender a comunicar mellor na aula

Á formación asisten 50 persoas

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • Ourense
  • Cultura
  • Cultura
Rosa Tedín DUVI Ourense 17/09/2018

Aprender, de man de especialistas, a coidar a voz e os contidos do discurso para acadar unha comunicación máis eficaz. Con este obxectivo arrancou este luns na Facultade de Ciencias da Educación do campus de Ourense o curso de extensión universitaria Educación da voz e do discurso. Pedagoxía para unha comunicación eficaz.

A cita foi inaugurada por Esther de Blas, vicerreitora do campus de Ourense, e polos seus coordinadores, Santiago Pato e Tania Cid, da Asociación Universitaria, Pedagóxica e Cultural Educere. Nas súas palabras, Esther de Blas subliñou a importancia do coidado da voz e do discurso especialmente no caso de futuras e futuros docentes, polo que animou ás e aos participantes a sacar o maior proveito posible a esta formación. Pola súa banda Santiago Pato destacou o éxito dun curso, que acada a súa cuarta edición enchendo as súas 50 prazas dispoñibles e atraendo non só a membros da comunidade universitaria senón tamén a persoas alleas a ela.  

Fisioloxía e contidos 

“A programación desta edición dá continuidade á de anteriores, tratando, sempre desde un punto de vista moi didáctico e práctico, dous aspectos fundamentais de cara ao discurso”, explicou Santiago Pato. Así, apuntou este mestre, pedagogo e profesor na Universidade de Vigo, durante os trece días de formación do curso por unha banda abordaranse aspectos relacionados coa fisioloxía, desde coñecer o aparato fonador ata a expresión corporal, e por outra achegaranse as claves dos contidos do discurso, desde o uso do idioma ata o apoio tecnolóxico. 

Deste xeito, os obxectivos do curso, que se prolongará ata o 5 de outubro, son coñecer o aparato fonador, o seu coidado e a súa hixiene funcional; previr erros e trastornos relacionados con malos hábitos na fonación; proporcionar recursos para unha axeitada educación e uso da voz; mellorar a capacidade para facilitar a transmisión da mensaxe oral; estruturar axeitadamente o discurso tendo en conta as diversas linguaxes e protocolos; proporcionar recursos tecnolóxicos avanzados de apoio ao discurso e xestionar as emocións axeitadamente ao falar en público.

Para acadar estes retos formativos, desde a organización do curso destacan a participación de expertos e expertas procedentes dos diferentes campos abordados. Así, por exemplo, estarán Juan Antonio Suárez Quintanilla, vicedecano e profesor titular da Facultade de Medicina da Universidade de Santiago; Ana Isabel Docampo, profesora titular de canto no Conservatorio Profesional de Música de Ourense e medalla de prata da Real Academia de Belas Artes; ou Raquel Fernández, doutora especialista de Otorrinolaringoloxía e Foniatría no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago. Tamén, sinalan, volverá a participar nesta edición Avelino González, actor e presidente da Asociación de Actores e Actrices de Galicia. 

Facendo pedagoxía

Na sesión celebrada este luns, Santiago Pato foi o encargado de iniciar a quenda de intervencións falando de O interese da comunicación no acto didáctico. Distorsión e protocolo. “A miña intervención pretende ser unha introdución xeral”, comentou o pedagogo. Alén de facer recomendacións prácticas para enfocar unha presentación na aula eficaz o obxectivo da súa sesión foi amosar ás e aos asistentes técnicas tanto para centrar a súa mensaxe e evitar distorsións como de protocolo, desde a vestimenta ata a colocación na aula. “Os pequenos detalles como estes poden botar por terra unha presentación”, apuntou o profesor. Durante a súa intervención tamén abordou a evolución histórica da pedagoxía do discurso desde a retórica na antigüidade e de como “a arte de falar se foi perdendo co tempo”. Aínda que matizando como na actualidade se comeza a retomar a formación neste eido, Santiago Pato puxo o aceno en como no currículo formativo das e dos futuros docentes non hai materias que lles orienten sobre como falar en público, “cando é algo indispensable para calquera futuro mestre”, afirmou.