DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunha monografía coordinada polo catedrático da Universidade de Vigo, Rafael Vallejo

13 especialistas reivindican a importancia da década de 1950 no despegue do turismo español

Foron anos de recuperación tras a etapa bélica e da irrupción do turismo de masas

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Publicacións
  • Investigación
D. Besadío DUVI 03/10/2022

O período que abarca dende 1951 a 1962 é moito máis importante para a historia do turismo español do que se consideraba ata agora. Así se defende no último monográfico da revista Estudios Turísticos, editada polo Ministerio de Industria, Comercio e Turismo e coordinada, nesta ocasión, polo catedrático  da Universidade de Vigo Rafael Vallejo, investigador da agrupación estratéxica Ecobas. Foron os anos da primeira etapa do Ministerio de Información e Turismo, co ministro Gabriel Arias Salgado á súa fronte, de aprobación do primeiro Plan Nacional de Turismo, de recuperación tras a etapa bélica e de irrupción do turismo de masas, ata o punto de que en 1962 o país xa ocupaba posicións de liderado mundial.

“Botando unha ollada a longo prazo esta etapa é moito máis importante do que se desprende das visións estereotipadas ao uso, e non só estereotipadas, que asimilan o turismo en España á ‘era de Fraga’ e o ‘boom’ ou ‘milagre turística’ da década de 1960”, explica o coordinador da monografía, un volume que recolle a participación de 13 especialistas en turismo de diferentes universidades e institucións.

13 fotografías que describen o espertar dun “país turístico”

Nestes 12 anos cabe identificar, tal e como subliña Vallejo na propia presentación do volume, dous subperíodos. Un de despegue turístico, ata 1957, cun auténtico primeiro boom turístico si se teñen en conta as taxas de crecemento dos ingresos por turismo e turistas estranxeiros, superiores ao 50% interanual promedio. Na seguinte etapa, de 1957 a1962, confórmase un novo modelo turístico, tendo en conta a composición do turismo e a evolución da capacidade e das modalidades de aloxamento do país, pois foi tamén neste intre cando comezan a difundirse formas alternativas á tradicional oferta hoteleira (campings, apartamentos, bungalows...).

Tras unha presentación xeral na que o profesor Vallejo debulla as principais liñas de evolución do turismo español nesta primeira fase de irrupción do turismo de masas, a monografía inclúe outros doce artigos que, dende ámbitos moi distintos, achegan unha completa imaxe de como foi o cambio do modelo turístico, pasando de “país de turismo" a “país turístico”, e como se foi avanzando cara a “posicións de liderado internacional” converténdose así “nun país que ten nos ingresos por turismo un elemento clave no seu modelo de desenvolvemento”.

A política xestora da rede aloxamentos turísticos propiedade do Estado centra a segunda das colaboracións, de María José Rodríguez, mentres que a terceira –asinada polo propio Vallejo e a investigadora Saida Palou- céntrase no papel das Juntas Provinciales de Turismo (como se proxectaron, cales foron os modelos exteriores de referencia, que función tiñan, como se financiaron...).  A cuarta contribución, de Daniel Lanero, céntrase no turismo social e nela estúdase a actividade da Obra Sindical de Educación e Descanso, OSED, a institución creada pola ditadura franquista para o encadramento do ocio dos traballadores.

Declive do turismo de balnearios

O quinto artigo, de Elvira Lindoso, analiza a situación balnearia española ao final da Guerra Civil e a súa evolución nas dúas décadas seguintes, anos nos que ao mesmo tempo que o turismo se transformaba nun fenómeno de masas as estancias turísticas en balnearios “perdían en España predicamento social e médico”, o que levou a boa parte dos empresarios a optar por unha actividade industrial anexa, o embotellado de augas, que progresou a bo ritmo.

A continuación, Domingo Cuéllar, José Joaquín García e Andrés Sánchez Picón abordan o papel de Renfe nos albores do boom turístico en España, de 1941 a 1964, unha cuestión escasamente estudada ata agora. Por outra banda, vinculadas tamén cos medios de transporte, a sétima contribución, de Carmen Gil, aborda a relación entre estradas, automóbiles e turismo durante os primeiros tempos da masificación e, a oitava, de novo da man de José Joaquín García, Domingo Cuéllar e Andrés Sánchez, analiza o papel da aviación e os aeroportos na transformación da mobilidade turística.

Festas, grandes eventos relixiosos e turismo en España

No caso de José Antonio García Barrero centra o seu artigo en estudar a xénese do mercado de traballo turístico de sol e praia, e Antonio Vives analiza, pola súa parte, a evolución dos centros de iniciativa e turismo, con particular atención aos casos do Fomento do Turismo de Mallorca, creado en 1905, e do Sindicato de Iniciativa e Turismo de Tarragona, fundado en 1910.

O monográfico péchase cun artigo de Esther M. Sánchez sobre o turismo dos franceses en España entre 1951 e 1962; outro de José Luis Sousa sobre as representacións do espazo turístico peninsular nas guías de viaxe, e outro de Xosé M. Santos sobre festas, grandes eventos relixiosos e turismo en España, incluíndo exemplos como a Semana Santa ou o ano santo compostelán de 1954 que sumou á súa oferta cultural importantes intervencións na cidade, entre as que destacan a inauguración do Hostal dos Reis Católicos, “un establecemento de luxo para a acollida de ilustres peregrinos”.