DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A programación renóvase con tres novas formacións

13 obradoiros e 235 prazas para enriquecer o tempo libre

Continúan as catro aulas de teatro e a de danza

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Cultura
  • Igualdade
  • Música
  • Teatro
  • Cultura
DUVI Ourense 24/09/2018

Transcorridas unhas semanas desde o inicio do curso académico 2018/2019, desde a Área de Actividades Culturais do campus de Ourense sinalan como agora é un bo momento para que os membros da comunidade universitaria busquen oco nas súas axendas para realizar algún dos obradoiros que organizan. Este cuadrimestre son 13 as opcións que teñen, desde teatro ata intervención asistida con cans.

Seguindo a liña de traballo de edicións anteriores, a programación mestura a repetición de propostas que tiveron éxito en anteriores edicións con novas opcións xurdidas da iniciativa de membros da comunidade universitaria. A matrícula en liña está aberta do 24 de setembro ao 4 de outubro, manténdose o prezo de 40 euros para o público xeral e 26 para os membros da comunidade universitaria. “As novidades este ano son obradoiros de intervención asistida por cans/cadelas; de fotografía e xénero e de alcol e menores”, explica Filemón Rivas, responsable de Actividades Culturais do campus de Ourense.

Novidades

A primeira destas novidades, o Obradoiro de intervencións asistidas por cans/cadelas, está dirixida por Xosé Manuel Cid e nela “queremos facer partícipes a todas as persoas que asistan dos beneficios do traballo con cadelas/cans tanto en actividades como en terapia, baixo o prisma da educación social”. Tamén desde Ciencias da Educación chega a proposta Alcol e menores: facemos algo? Dirixido por Manuel Isorna, este obradoiro diferenciarase dos demais porque só se celebrará un día, concretamente o 27 de novembro no Auditorio Municipal. Nunha sesión intensiva de mañá e tarde, as persoas inscritas participarán dunha formación que terá como obxectivos desenvolver unha visión o máis obxectiva posible da relación entre menores e consumo de alcohol, coñecer algunhas das consecuencias a nivel neurolóxico deste consumo e examinar algunhas das principais problemáticas asociadas. Por último, e tamén desde este centro, xorde o obradoiro Fotografía e xénero: análise de imaxes contra a desigualdade, dirixido por Mª del Carmen Armada e destinado a “ofrecer unha visión transversal de xénero aplicada á publicidade, cine, prensa, etc”.

Opcións que volven

As actividades que repiten de edicións anteriores, aínda que nalgúns casos con modificacións, son cinco. Así, continúa o obradoiro de gaita galega impartido por Gonzalo Abelairas e no que as e os asistentes, sexa cal sexa o seu nivel de formación neste eido, poderán profundar neste instrumento e en xeral na música tradicional galega. Tamén celebrará unha nova edición o Obradoiro mindfulness para o día a día, dirixido polo profesor da Facultade de Ciencias da Educación Stuart McNicholls. No eido da tecnoloxía, as persoas interesadas terán dúas opcións á súa disposición, unha centrada no mantemento de sistemas informáticos, dirixida por Raúl Piñeiro, e outra de programación práctica mediante a linguaxe Python, dirixida e impartida por Baltasar García. Por último neste grupo, volverá a celebrarse unha nova edición do obradoiro Espazo Queer: repensando as sexualidades desde as marxes, dirixido por María Victoria Carrera.   

Aulas anuais

Tamén se convoca agora a matrícula nas aulas de teatro e danza que se imparten ao longo de todo o curso académico no campus de Ourense. Trátase das aulas de teatro Rosaura, aberta ás e aos que se inician nas artes escénicas; Cordelia, destinada ás e aos que xa teñen algo de experiencia, e Maricastaña, para as e os máis avanzados. A estes tres niveis engádeselle a Aula de Teatro Infantil Gepetto. Baixo a dirección de Fernando Dacosta e coa docencia do grupo Sarabela Teatro, as e os participantes formaránse co aliciente de que actuarán nalgunha das principais mostras de teatro da cidade de Ourense, como a Miteu, ou incluso irán de xira por diferentes puntos da xeografía estatal, como é o caso dos inscritos en Maricastaña. Ademais das aulas de teatro, o campus conta cunha aula de danza contemporánea chamada D-Ou-Tras, impartida polo grupo Traspediante, que tamén ofrece ao seu alumnado a oportunidade de, ademais de formarse, actuar en diversas mostras universitarias.