DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Abranguen desde teatro e danza ata cerámica e cogomelos

13 propostas de obradoiros para facer máis interesante este segundo cuadrimestre

Están abertos á matrícula da comunidade universitaria e da cidadanía en xeral

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cultura
  • Cultura
DUVI Ourense 27/01/2022

Co lema Damos a nota!, a Vicerreitoría do Campus de Ourense volve a convocar unha nova edición dos obradoiros de extensión universitaria, a correspondente ao segundo cuadrimestre. A comunidade universitaria e a cidadanía en xeral ten á súa disposición un total de 13 obradoiros de temáticas moi diversas, desde o teatro, a danza e a gaita ata a cerámica, a domesticación de cogomelos e o aproveitamento da biomasa.    

Cunha media de entre 20 e 30 horas de duración e entre 10 e 20 prazas dispoñibles, os obradoiros, que contan con financiamento da Deputación de Ourense, desenvolveranse maioritariamente de xeito presencial en sesións semanais nas instalacións do campus de  Ourense. A matrícula, que se realiza a través do Campus Activo da UVigo, está aberta do 31 de xaneiro ao 10 de febreiro, oscilando o prezo entre os 26 e os 40 euros, segundo o tipo de público. Están recoñecidos con 1 crédito ECTS por cada 30 horas de traballo e no desenvolvemento das actividades respectaranse as medidas de prevención e seguridade ante a covid-19 establecidas en cada momento.

Da cerámica á biomasa

Entre as novidades da programación lanzada está Cerámica: revisando a tradición en Galicia para unha creación contemporánea. “Este obradoiro basearase no recoñecemento da cerámica tradicional galega para a súa posterior conversión en creacións contemporáneas propias. Exploraremos o material e as súas posibilidades creando enlaces entre este e a súa carga identitaria”, explica a súa directora, a artista María del Mar Ramón Soriano. Tamén entra na programación unha actividade de domesticación de cogomelos. “Neste obradoiro exploraremos as distintas fases do cultivo doméstico de cogomelos, así como o cultivo en diferentes medios, utilizando materiais que podemos atopar no noso propio fogar”, explica o investigador da UVigo Mauro Rivas, director da actividade.  

Dúas das propostas incluídas teñen relación co aproveitamento da biomasa. O obradoiro BIO4_Biosostibilidade na obtención de biomoléculas en biorrefinería de biomasa, dirixido pola investigadora María Dolores Torres Pérez, abordará “o uso de tecnoloxías respectuosas co medio ambiente para o tratamento de biomasa de orixe agroalimentario, forestal ou mariño dun xeito sostible, empregando auga como único axente extractor e seguindo os conceptos de biorrefinería e economía circular”. Tamén haberá un obradoiro de antioxidantes naturais como axentes antimicrobianos. Dirixido pola tamén investigadora da Facultade de Ciencias Beatriz Gullón, nel “avaliarase a actividade antimicrobiana de extractos naturais obtidos de diferentes biomasas” no marco da “preocupación mundial por atopar novos axentes activos para combater a resistencia microbiana aos antibióticos”. Estas dúas actividades combinarán a formación presencial e virtual.

Do teatro á danza

Un cuadrimestre máis volverán a impartirse as aulas de teatro e danza e o obradoiro de gaita. As aulas de teatro estarán unha vez máis a cargo de Sarabela Teatro e con dirección de Fernando Dacosta. A aula de teatro Rosaura está aberta ás e aos que se inician nas artes escénicas; Cordelia ás e aos que xa teñen algo de experiencia e Maricastaña ás e os máis avanzados. Igualmente celebrarase unha nova edición do obradoiro de gaita galega ofrecido polo músico Gonzalo Abelairas e no que as e os inscritos, sexa cal sexa o seu nivel de formación, profundan neste instrumento e en xeral na música tradicional galega. Volve tamén á programación de obradoiros a proposta Mindfulness no día a día, dirixido polo profesor Stuart McNicholls e “deseñado para iniciar a adultos nunha proposta que combina teoría, prácticas grupais e individuais”, e a de intrudución á observación astronómica, dirixida polo físico José Ramón Salgueiro.

Ademais, volve o Espazo Danza, impartido polo grupo Traspediante e no que se traballa o “achegamento á danza contemporánea e creación escénica fundamentalmente a través do corpo”. Tamén haberá un obradoiro de educación para a paz a través da danza educativa, dirixido pola profesora María del Pino Díaz. Nel “a través do movemento creativo, a danza social e a arteterapia, traballarase a comunicación cos demais e a xestión de conflitos, con ferramentas como a comunicación non violenta”. Igualmente, volverá a celebrarse unha nova edición da proposta Achegamento ás danzas urbanas, dirixida polo profesor Millán Brea. Nel, as e os participantes adquirirán “nocións básicas dalgunhas danzas urbanas a nivel teórico e práctico e comprenderán a importancia destas disciplinas artísticas nas súas contornas sociais e culturais”. Como excepción, esta actividade desenvolverase no Espazo Xove e non no campus de Ourense.