DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A cita terá lugar do 28 ao 31 de outubro nos mosteiros de Santo Estevo e de Oseira

130 especialistas de once países participarán no Ourense Rural Summit

As súas conclusións marcarán a estratexia do Observatory of Rural Research de Ourense

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Congresos e xornadas
  • Investigación
DUVI Ourense 24/10/2019

Tres días para a análise, o debate e a proposta de ideas, 130 participantes tanto do eido público coma privado de máis dunha decena de países e o obxectivo de marcar a folla de ruta do International Observatory of Rural Research de Ourense e contribuír ao desenvolvemento rural. Con estas cifras e estes obxectivos presentouse este xoves o Ourense Rural Summit, cita organizada pola Universidade de Vigo en colaboración coa Deputación Provincial que terá lugar do 28 ao 31 de outubro nos mosteiros de Santo Estevo e de Oseira.

Segundo explicou Manuel Baltar, presidente da Deputación de Ourense, o Ourense Rural Summit é a primeira actuación do International Observatory of Rural Research de Ourense, iniciativa froito da colaboración entre o órgano provincial e a Universidade de Vigo e que ten como misión a posta en valor dos ecosistemas de innovación rural, con alianzas estratéxicas público-privadas no marco do desenvolvemento sostible. Neste contexto, indicou Baltar, o encontro internacional presentado constitúe “unha oportunidade para Ourense e para o medio rural”. Neste senso, Esther de Blas, vicerreitora do Campus de Ourense, subliñou como “este é un momento importante para pór en valor todo este patrimonio natural, cultural e inmaterial”, recalcando a vicerreitora o compromiso tanto da Universidade de Vigo como do campus coa valorización “do noso rural e da nosa provincia”.

17 mesas de traballo

Pola súa banda, María Isabel Doval, vicerreitora de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación da Universidade de Vigo, foi a encargada de presentar en detalle as características dun congreso internacional co que se busca “un novo contrato social para o rural, para recapitalizar o medio rural intelectualmente, achegando o noso coñecemento experto da universidade pero tamén tendo claro que esa transferencia de coñecemento ten que ser bidireccional”, facendo fincapé no talento que hai no rural. “Necesitamos entre todos traballar en equipo”, dixo María Isabel Doval. A vicerreitora lembrou tamén como o observatorio nace con vocación “europeísta” e coa convicción de que a provincia de Ourense ten unhas características singulares “que nós cremos que poden ser as características que Europa vai presentar nun curto espazo de tempo e pensamos que nesta provincia pódense testar, monitorizar, avaliar, investigar determinados plans, programas que despois se poidan extrapolar a contornas europeas ou iberoamericanas semellantes”.

O Ourense Rural Summit, explicouse na súa presentación, contará coa participación de arredor de 130 persoas, representantes de universidades, empresas, entidades rurais, emprendedoras e emprendedores, etc. procedentes, ademais de España, de países como Reino Unido, Irlanda, Estados Unidos, Brasil, Dinamarca, Italia, Hungría, Portugal, Canadá e Bélxica. O encontro terá un formato participativo, “de conversas ou encontro de expertas e expertos” que se articulará en 17 mesas de traballo simultáneas, correspondendo cada unha delas a un dos obxectivos de desenvolvemento sostible da Axenda 2030 das Nacións Unidas. De cada unha destas mesas, indican desde a organización, sairán “propostas de ideas tanxibles” que poidan desembocar por exemplo en proxecto internacionais financiables. Tamén haberá paneis de demostración “de cousas que están facendo moi ben no rural”, conversas con especialistas internacionais de diferentes áreas de coñecemento e conferencias plenarias. Froito destes “grupos de traballo heteroxéneos”, o Ourense Rural Summit presentará o día da súa clausura un decálogo de retos e a estratexia do International Observatory of Rural Research de Ourense.