A UVigo despediu este venres unha nova promoción do programa LCA
130 estudantes de Asia, África e América rematan a súa formación preparados para ingresar no sistema universitario español
Formáronse durante este curso no Centro de Linguas para obter o nivel B2 de castelán
A Universidade de Vigo despediu este venres unha nova promoción do programa LCA (Lingua, Cultura e Adaptación ao sistema universitario en España), unha iniciativa impulsada conxuntamente pola institución académica e Campus Spain. O seu obxectivo é formar estudantes estranxeiros para que acaden o nivel esixido para poder matricularse nunha carreira no sistema universitario español. O curso leva impartíndose dende 2017 e cada ano son máis os estudantes internacionais matriculados, ao tempo que tamén se incrementa a porcentaxe que elixe a UVigo como institución na que formarse como universitarios. No curso pasado, dun total de 80 mozos e mozas que completaron o programa, 35 escolleron unha titulación nalgún dos tres campus da institución olívica.
Esta nova promoción, que hoxe venres se despediu dos que foron os seus docentes durante os últimos meses, está formada por 130 mozos e mozas procedentes de países como Siria, Palestina, Xordania, Emiratos Árabes Unidos, Arabia Saudita, Cimbabue, Camerún, Exipto, Catar, Bahrein, Estados Unidos, Malaisia, Indonesia, Filipinas, India, Libia, entre outros. Como explica a coordinadora académica do Centro de Linguas, Mercedes Álvarez, “o curso LCA ofrécese en dúas modalidades, unha anual (setembro a xuño) e outra semestral (xaneiro a xuño)”. Ambas opcións permiten acreditar un nivel de español cun certificado oficial CertAcles: nivel B2 na modalidade anual e nivel B1 na modalidade semestral. “Esta acreditación é clave para facilitar o acceso do estudantado aos estudos universitarios en España e os exames tiveron lugar os días 16 e 17 de xuño na Facultade de Filoloxía e Tradución”.
Despedida para uns e ata setembro para outros
No acto de despedida estiveron presentes a vicerreitora de Internacionalización, Maribel del Pozo; o director da Área de Internacionalización, Óscar Ferreiro; a directora académica do Centro de Linguas, Mercedes Álvarez, así como as docentes do Centro de Linguas e os responsables de Campus Spain, entre elas, Macarena Martínez, coordinadora da estadía do alumnado en Vigo. Emocionados e orgullos, felicitaron a nova promoción polo esforzo e polo éxito obtido, lembrándolles que en Vigo sempre terán a súa casa, un lugar a onde volver. “Non vos esquezades de nós, desexámosvos que vos vaia moi ben e que nos gardedes nun recuncho do voso corazón”, expresaba Mercedes Álvarez. “Agardamos que vos convertades en grades profesionais”, engadía emocionada Macarena Martínez, pero “sen deixar de lado a parte humana”, facendo fincapé na importancia de “tender unha man amiga a aquelas persoas que o precisan, de ser solidarios e apoiarnos, independentemente das nosas diferentes linguas e orixes”.
Con todo, moitos destes estudantes ficarán na Universidade de Vigo o vindeiro curso e outros teñen pensado regresar no futuro para completar aquí a súa formación. É o caso de Ahmed, de Tunisia, que interveu no acto en representación dos seus compañeiros, e que ten a intención de completar na UVigo o seu doutoramento. “Hoxe celebramos moito máis que o peche dun curso de español, é o fin dunha experiencia que nos cambiou moito. Chegamos con medo, acentos diferentes e moitas dúbidas, pero co tempo gañamos confianza, fixemos amigos e vivimos momentos inesquecibles e aprendemos unha nova forma de ver o mundo”. Recoñecía que no seu caso a cidade de Vigo regaloulle “tranquilidade, alegría e unha vida universitaria chea de cultura, actividades e festa”, e por isto ten claro que vai regresar “para seguir formándome, soñando e crecendo onde todo comezou”. Ahmed tivo tamén palabras para o profesorado e para o equipo de Campus Spain, “nunca esqueceremos como nos fixestes sentir cómodos, motivados e sempre benvidos”.
Outra da alumnas que interveu en nome dos seus compañeiros foi Linda, tamén de Tunisia, que explicaba que vivir en España sempre foi un soño, pero non agardaba poder cumprilo tan pronto. Recoñecía que non foi unha experiencia sinxela, sobre todo ao comezo, “con algo de medo por estar soa, un pouco fóra de lugar” e sen apenas saber nada de español. Co paso das semanas, o camiño fíxose máis fácil e, ademais de aprender o idioma, “aprendín que, a pesar de que sexamos todos de países, culturas e continentes moi diferentes, non somos tan distintos”. Agradeceu, igual que o fixo Ahmed, o apoio, cariño, interese e paciencia das súas profesoras do Centro de Linguas durante estes meses, “sodes unha parte esencial desta experiencia”. Aos seus compañeiros desexoulles que se “cumpran os soños cos que viñestes aquí, nunca deixedes de intentalo”.
Unha formación integral en lingua e cultura
Ademais das clases de lingua e preparación académica, Campus Spain organiza unha ampla variedade de actividades culturais que reforzan a experiencia de inmersión: excursións ás illas Cíes, Santiago, Baiona e xacementos arqueolóxicos da cidade de Vigo; participación en festas populares viguesas como a Reconquista ou o Entroido; visitas aos diferentes museos da cidade; participación nun tramo do Camiño de Santiago; obradoiros culturais, xincanas para coñecer a cidade, visita a Balaídos, clases de cociña e baile tradicional, etc.
Ademais, como detalla Mercedes Álvarez, responsable académica do Centro de Linguas, “tamén participaron en dinámicas de adaptación á vida universitaria en España, como a asistencia a charlas en diferentes centros da UVigo para coñecer o funcionamento de certos graos e mestrados”, así como en actividades promovidas pola Vicerreitoría de Internacionalización, a Facultade de Filoxía e Tradución, etc. como o tándem lingüístico, o Día das Letras Galegas, as xornadas de igualdade, etc.
A comezos de setembro o campus de Vigo dará a benvida a unha nova promoción do programa LCA.