DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Finde.U Virtual celebrarase os días 9 e 10 de abril 

1300 persoas xa se inscribiron na Feira Internacional Virtual de Emprego Universitario   

Presentáronse 300 ofertas, que dan acceso a 1300 postos de traballo 

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Emprender
  • Internacional
  • Universidade e empresa
  • Estudantes
DUVI 05/04/2019

Os vindeiros 9 e 10 de abril celebrarase a 4ª edición da Feira Internacional Virtual de Emprego Universitario, un evento exclusivamente online, que permite ás persoas egresadas que están a buscar un traballo, presentar a súa candidatura a ofertas de emprego/prácticas/oportunidades de investigación, así como coñecer empresas e/ou expertas e expertos no mercado laboral dalgúns países europeo e mesmo ser convidada ou convidado a entrevistas de traballo . “A inscrición é gratuíta e tras subir o CV e candidatarse a algunha das ofertas para as que se cumpre o perfil, as empresas poderán facer entrevistas online”, explica Reyes Fernández, técnica superior de orientación laboral da Área de Emprego e Emprendemento da Universidade de Vigo, que confirma que a día de hoxe xa se inscribiron 1300 persoas para participar na feira.

A Finde.U Virtual é unha iniciativa das catro universidades da eurorrexión Galicia-Norte de Portugal (Vigo, Porto, Tras-os-Montes e Alto Douro e Universidade Católica Portuguesa), o Instituto do Emprego e Formação Profissional /EURES Portugal e EURES Transfronterizo Galicia-Norte de Portugal, dirixida a estudantes dos últimos cursos de ensino superior e profesionais, recentemente graduados e graduadas, que buscan unha oportunidade laboral no territorio nacional ou no estranxeiro. “A Finde.U realízase este ano os días 9 e 10 de abril e o programa tamén se retransmite online, eses mesmos días. Consiste nunha serie de vídeos sobre diferentes temáticas: emprendemento, prácticas, CV por competencias, Eures, etc. e ao finalizar o vídeo as persoas inscritas teñen a posibilidade de chatear 10 minutos cos responsables da emisión do vídeo”, explica Reyes Fernández, que lembra que as persoas interesadas en atopar un emprego poderán inscribirse na Finde.U ata o día anterior ao inicio da feira.

Preto de 300 ofertas e 1300 oportunidades de emprego

A pouco máis de tres día do inicio da cuarta edición da feira, a organización recibiu, procedentes de, ademais de España e Portugal, de Reino Unido, Dinamarca, Bélxica, Irlanda, Holanda, Finlandia, Alemaña e outros países fóra da UE,  preto de 300 ofertas de emprego, que se traducen en 1300 oportunidades de emprego, dado que algunhas ofertas están a procurar varias persoas.

Ata o momento, está confirmada a participación de 119 expositores: 92 empregadores portugueses, españois e doutros países europeos; 14 servizos de información sobre oportunidades de prácticas, emprego, investigación e axudas á mobilidade e servizos Eures de 13 países europeos. “As ofertas abranguen unha grande diversidade de áreas profesionais: saúde, enxeñaría, tecnoloxía da información, telecomunicacións, xestión, finanzas e contabilidade; recursos humanos, dereito, tradución, turismo ou hostalería, entre outros”, detalla a técnica superior de orientación laboral da Área de Emprego e Emprendemento da Universidade de Vigo.