DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nas convocatorias para grupos de referencia competitiva e grupos con potencial crecemento

14 equipos de investigación da Universidade de Vigo captan 3 millóns de euros en axudas da Consellería de Educación

Contarán con financiamento estrutural estable no programa de consolidación do I+D das universidades

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Investigación
DUVI 09/01/2019

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional acaba de facer pública a resolución da convocatoria de axudas aos grupos de investigación de referencia competitiva e de potencial crecemento de 2018, que reporta á Universidade de Vigo 3 millóns de euros. En total, 14 grupos da institución viguesa acadaron unha destas achegas das dúas modalidades: grupos de referencia competitiva e grupos con potencial crecemento. De xeito xeral, a consellería concedeu ás tres universidades galegas 14 millóns de euros repartidos nun total de 69 axudas, 44 na modalidade de referencia competitiva e 25 de potencial crecemento. A Universidade de Santiago de Compostela captou un total de 8.110.000 euros, mentres Vigo obtivo 3.010.000 e A Coruña 2.970.000 euros.

No caso das axudas para Grupos de referencia competitiva, destinadas á consolidación de grupos que, pola súa produción científica e a súa actividade de I+D, constitúan unha referencia no Sistema galego de I+D+i, a Universidade de Vigo acadou 2.560.000 euros. Así, recibirán estas achegas, que van entre os 200.000 euros e os 400.000 euros repartidos en tres anualidades, nove equipos da institución olívica, en concreto os liderados por Herminia Dominguez, Florentino Fernández, Mª Dolores Garza, Francisco Javier González Castaño, Mª Elena Sánchez Trigo, Jesús Simal, Javier Taboada, Diana Valverde e Xosé Henrique Vázquez. 

Polo que respecta á modalidade B, estas axudas teñen como finalidade consolidar grupos de investigación que, pola súa produción científica e a súa actividade de I+D, amosan potencial de crecemento ata converterse en grupos de referencia do sistema de I+D+i galego. Neste caso, a consellería seleccionou cinco equipos da Universidade de Vigo liderados por José Manuel Domínguez, Francisca Fariña, Carmen García Mateo, Enrique Valero e Humberto Michinel, que recibirán cada un deles 90.000 euros repartidos en dúas anualidades, ata sumar para institución 450.000 euros.

Con esta nova resolución de axudas, en total son xa 179 os grupos de investigación do Sistema Universitario de Galicia os que contan con financiamento estrutural estable dentro do programa de consolidación da investigación nas universidades.