DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Alumnado do IES O Couto participou este mes no proxecto MicroMundo

14 novas embaixadoras e embaixadores da necesidade de facer un uso responsable dos antibióticos

Durante cinco sesións traballaron na busca de bacterias de interese médico

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Divulgación
  • Medio Ambiente
  • Saúde
  • Visitas
  • Investigación
Rosa Tedín DUVI Ourense 20/02/2019

Desde o pasado 8 de febreiro e ata este mércores día 20, un grupo de 14 alumnas e alumnos de cuarto curso de Educación Secundaria Obrigatoria do IES O Couto de Ourense participaron nunha iniciativa do nodo na Universidade de Vigo do proxecto MicroMundo. Póndose na pel de científicos en busca de bacterias de interese médico, o alumnado aprendeu a importancia de facer un uso responsable dos antibióticos.

O proxecto MicroMundo, comenta a súa coordinadora para a Universidade de Vigo, a profesora María José Pérez, pretende transmitir á sociedade as bases científicas do problema da resistencia aos antibióticos e tomar acción involucrando a estudantes e sociedade en liñas de investigación orientadas a solucionalo. A iniciativa, na que a institución académica participa desde 2017 cun equipo coordinado desde a Facultade de Ciencias do campus de Ourense, consiste en involucrar a alumnado preuniversitario nun proxecto de investigación real no que participan xa máis de 14 países e microbiólogas e microbiólogos de 26 universidades de España e Portugal.

Este curso académico o nodo de MicroMundo na Universidade de Vigo desenvolveu este proxecto de investigación real no IES Valadares de Vigo, no primeiro cuadrimestre, e este mes no IES O Couto de Ourense. “Estamos moi satisfeitos cos resultados. Os estudantes responderon moi ben, asumiron coñecementos moi rápido, estaban moi motivados e tiñan moito interese en aprender”, comenta María José Pérez. Así, subliña, “o máis importante é que agora estes rapaces e rapazas son embaixadores do proxecto, da concienciación da necesidade dun uso responsable dos antibióticos”. O alumnado preuniversitario que participou, indica a profesora, “pode agora transmitir á xente da súa contorna sempre que haxa ocasión a importancia de facer un bo uso dos antibióticos, de só tomalos cando o prescribe o médico e o tempo que indique, de nunca tiralos ao lixo ou á auga... das cousas que poden dar lugar a contribuír a que haxa cada vez máis resistencia aos antibióticos”.

Cinco sesións

Seguindo a dinámica establecida no proxecto, a actividade de MicroMundo realizouse nos laboratorios do IES O Couto durante cinco sesións na que, acompañados dunha titora, varios estudantes voluntarios da Facultade de Ciencias previamente formados exerceron de profesores. Na primeira sesión, introduciron ás e aos escolares no proxecto MicroMundo e nos seus obxectivos, no problema da resistencia a antibióticos e a súa transcendencia e na biodiversidade microbiana no medio ambiente. Tamén repartiron un equipo de recollida de mostras e deron ás e aos escolares as instrucións para o seu uso. Na segunda sesión o alumnado preuniversitario trouxo as súas mostras de terra e utilizando técnicas microbiolóxicas procesáronas e illaron as bacterias e na terceira observaron o crecemento microbiano nos medios que tiñan inoculado e seleccionaron colonias para estudar en cultivo puro.

Xa na cuarta sesión, as e os estudantes preuniversitarios enfrontaron os microorganismos que se illaron con éxito a bacterias inofensivas pero moi similares bioloxicamente ás superbacterias multirresistentes co fin de detectar posibles fenómenos de antibiose. Na última sesión detectaron os posibles positivos e analizaron e rexistraron os resultados, facendo tamén unha festa de despedida na que non faltaron os diplomas. “Atopámonos tres posibles candidatas que vamos a gardar seguindo o protocolo do proxecto, de modo que quedan nun repositorio internacional a disposición de quen queira seguir investigándoas”, comenta María José Pérez.  

Rematada a actividade, que terá continuidade o vindeiro ano, a profesora tamén recalca como para o alumnado universitario que participou de voluntario “foi unha experiencia moi gratificante”. “Ao verse na súa primeira experiencia como profesores, verse ao outro lado, fixéronse conscientes da dificultade de ser docente pero tamén viron as satisfaccións que dá”, comenta a coordinadora de MicroMundo na Universidade de Vigo facendo énfase no traballo feito na preparación das sesións por estes estudantes da Facultade de Ciencias.