DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Xa está aberto o prazo de inscrición nos obradoiros de extensión universitaria

14 opcións formativas para facer máis interesante este segundo cuadrimestre

Poden matricularse membros da comunidade universitaria e persoas alleas a ela

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cultura
  • Cultura
DUVI Ourense 06/02/2023

Un cuadrimestre máis xa está dispoñible a oferta de obradoiros de extensión universitaria do campus de Ourense, organizados pola súa vicerreitoría con financiamento da Deputación Provincial. Baixo o lema Abrir camiño! nesta ocasión son 14 as opcións existentes e que abranguen tanto cursos xa consolidados de edicións anteriores (teatro, danza ou gaita, por exemplo) como novas propostas (fotografía, educación na natureza, xestión da calidade nos proxectos web, linguaxe de programación Julia ou antioxidantes).

Tal e como explica Filemón Rivas, responsable de Actividades Culturais no campus de Ourense, a programación deste cuadrimestre deseñouse apostando unha vez máis pola diversidade temática e incluíndo opcións que puidesen ser de especial interese para a comunidade universitaria. A matrícula xa está aberta ata o 16 de febreiro a través do Campus Activo da UVigo, variando o prezo de cada obradoiro entre os  40 e os 26 euros, segundo o colectivo de pertenza. Os cursos, que oscilan entre as 22 e as 40 horas de duración e as 10 e 20 prazas dispoñibles, están recoñecidos con 1 crédito ECTS por cada 30 horas de traballo.

Cinco novidades

Entre as novidades que se ofertan este cuadrimestre está o obradoiro Fotografía, novas ferramentas para contar a través das imaxes, impartido polo colectivo Ollo e dirixido polo fotógrafo Brais Lorenzo. Este curso supón unha inmersión na fotografía, cunha base teórica e práctica, aplicada aos tempos actuais, e "un achegamento á iniciación na fotografía para construír proxectos que conten historias, edición fotográfica, incorporación do vídeo, fotografía con drone, etc.”. Tamén se incorpora como novidade un curso de Xestión da calidade nos proxectos web, dirixido por Miguel R. Díaz, onde as e os participantes adquirirán “coñecementos esenciais para o desenvolvemento de proxectos de creación e mellora de sitios web que implementen mellores experiencias nos usuarios finais”. Pola súa banda, o obradoiro Programación científica con Julia, dirixido por Baltasar García, iniciará ás e aos participantes “na programación de ordenadores mediante esta linguaxe de programación”.

Outra das novas incorporacións á programación é Educación na natureza, que pretende achegar “ferramentas que favorezan a creación de propostas para aplicar no ámbito familiar e escolar no contexto natural”. Dirixido por María Fraga, este curso celebrarase non só no campus senón tamén na Aula da Natureza de Oira. Os antioxidantes, a auga e a vida é outra das novidades, neste caso dirixida por Noelia Flórez e Mª Dolores Torres. O seu obxectivo é “achegar ás e aos participantes á parte máis práctica dos antioxidantes, ao potencial da auga e ás súas funcións na nosa vida diaria”.

E nove opcións que repiten

Este cuadrimestre son varias as propostas que repiten de edicións anteriores. Entre elas está o obradoiro Intervención asistida con cans e cadelas, dirixido por Xosé Manuel Cid e destinado a “facer partícipes ás persoas dos beneficios do traballo con cans e cadelas tanto en actividades como en terapia, tendo en conta o estado emocional e cognitivo do animal”. Tamén desde a Facultade de Educación e Traballo Social ofertarase Mindfulness no día a día, dirixido por Stuart McNicholls e destinado a “iniciar a adultos nunha proposta que combina teoría, prácticas grupais e individuais”. A Introdución á observación astronómica é outras das propostas que volve á programación de obradoiros. Dirixido por José Ramón Salgueiro, nel abórdanse “os principais obxectos de observación astronómica (lúas, planetas, estrelas e galaxias...) e as técnicas de observación máis habituais”. Tamén repite, aínda que modificando parte dos seus contidos, Educación a través da danza e a expresión corporal, unha formación dirixida por Ana María Torrado “fundamentalmente práctica e na que se outorgan ferramentas para abordar a educación a través do corpo”.

Do mesmo xeito, volverán a impartirse este cuadrimestre as aulas de teatro e danza e o obradoiro de gaita. As aulas de teatro estarán de novo a cargo de Sarabela Teatro e con dirección de Fernando Dacosta. A aula Rosaura, o primeiro nivel, está aberta ás e aos que se inician nas artes escénicas “de xeito ameno e creativo”. O segundo nivel, Cordelia, está dirixido ás e aos que xa teñen algo de experiencia (persoas que superaron o primeiro nivel e que traballarán na creación de personaxes, a dramaturxia e todos os elementos que rodean unha obra). Por último, Maricastaña acollerá ás e aos que teñen un nivel máis avanzado, adentrándose o seu alumnado no universo que supón unha posta en escena.

Igualmente celebrarase unha nova edición do Obradoiro de música tradicional galega ofrecido polo músico Gonzalo Abelairas. O seu programa inclúe nocións de música patrimonial e tradicional, técnicas de gaita, tipos de dixitación, estudo do repertorio, afinación, ornamentación, percusión e combos instrumentais tradicionais. Por último, tamén continúa a súa actividade a Aula de Danza Contemporánea do campus, destinada “a todas as persoas interesadas no traballo creativo a través do corpo e o movemento” e dirixida por Nuria Sotelo. Nela achegaranse ás e aos participantes “ferramentas de técnicas de danza contemporánea e traballarase a creación escénica e coreográfica”.