DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A programación de obradoiros de extensión universitaria do campus xa está en marcha

14 propostas formativas para empezar o curso “con moita enerxía”

Apóstase por recuperar a actividade presencial

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cultura
  • Cultura
DUVI Ourense 23/09/2021

Co lema “Con moita enerxía!” ponse en marcha a programación de obradoiros de extensión universitaria deste cuadrimestre no campus de Ourense. Nesta ocasión son 14 as actividades formativas propostas, que abranguen un amplo abano de temáticas, desde o teatro e a danza ata a robótica educativa e o empoderamento feminino. O prazo de inscrición, aberto á comunidade universitaria e á cidadanía en xeral, abrangue desde o 27 de setembro ao 7 de outubro.

A programación lanzada, explica Filemón Rivas, responsable de Actividades Culturais do campus de Ourense, segue a liña de edicións anteriores de mesturar actividades xa consolidadas e que se repiten periodicamente (como as aulas de teatro e gaita), con novas propostas, nesta ocasión seis centradas en temas tan diversos como as danzas urbanas ou a valorización da biomasa. Desta edición, destaca ademais o feito de recuperar a presencialidade, sendo nove das actividades presenciais e cinco de docencia mixta presencial/virtual. A programación, organizada pola Vicerreitoría do Campus de Ourense con financiamento da Deputación Provincial, oferta en total 219 prazas, non superando ningún dos obradoiros as 30 persoas e cun prezo que oscila entre os 26 e os 40 euros, segundo o tipo de público.

Diversidade e novidades

Entre as novidades desta edición están dúas propostas xurdidas de profesorado da Facultade de Historia. Así, Beatriz Comendador dirixe un obradoiro sobre Como compoñer a caixa de ferramentas para comunicar, desfrutar e protexer os nosos bens culturais e naturais. Nel abordaranse “conceptos, métodos e aplicacións de ferramentas para comunicar os significados dos nosos bens culturais e naturais en diferentes contextos, como itinerarios naturais, exposicións e museos ou aulas”. Pola súa banda, José Ramón Campos dirixe a actividade Paseando polos Andes: arte, arqueoloxía e paisaxes, na que se propón “unha ruta pola secuencia cultural dos Andes Centrais”. Tamén entra como novidade na programación un obradoiro sobre Experiencias prácticas para a valorización de biomasa, organizado desde a Facultade de Ciencias pola investigadora Beatriz Gullón. As e os participantes poderán coñecer en laboratorio distintas tecnoloxías usadas para obter, a partires da biomasa, biocombustibles e compostos antioxidantes.

Desde a Facultade de Educación e Traballo Social xorden cinco iniciativas. Como novidades preséntase un obradoiro de Introdución ás danzas urbanas break, hip-hop, dancehall e body dance, dirixido por Millán Brea e destinado a “dar a coñecer as nocións básicas dalgunhas danzas urbanas a nivel teórico e práctico e comprender a importancia destas disciplinas artísticas nas súas contornas sociais e culturais”. Tamén se impartirá un obradoiro sobre Habilidades maker para educación con Escornabot: robótica educativa, deseño e impresión 3D e programación. Dirixido por Almudena Alonso, esta actividade preséntase como “un espazo para a reflexión e construción conxunta no que a tecnoloxía se converte nun contexto para a mellora da práctica docente”.

A programación deste cuadrimestre tamén se renova coa proposta da profesora María Lameiras da posta en marcha dun Grupo de crecemento persoal e empoderamento para mulleres, un obradoiro que ten como obxectivo “a promoción do benestar eudaimónico das mulleres a través do traballo grupal, entendendo este benestar como o proceso de coñecemento persoal que nos permita vivir de forma máis plena”. Igualmente no eido do benestar, o profesor Stuart McNicholls volverá a ofrecer o obradoiro de Mindfulness e benestar, “deseñado para iniciar a adultos nunha proposta que combina teoría, prácticas grupais e individuais”. Por último, o profesor Xosé Manuel Cid trae de novo á programación a actividade Intervencións asistidas con cans/cadelas, no que se abordarán “os beneficios do traballo con cans e cadelas tanto en actividades como en terapia tendo en conta o estado emocional e cognitivo do animal”.

Continuidade en teatro, danza e gaita

Un curso académico máis volverán a impartirse as aulas de teatro e danza e o obradoiro de gaita do campus. As aulas de teatro estarán unha vez máis a cargo de Sarabela Teatro e con dirección de Fernando Dacosta. A aula de teatro Rosaura está aberta ás e aos que se inician nas artes escénicas; Cordelia ás e aos que xa teñen algo de experiencia e Maricastaña ás e os máis avanzados. A estes tres niveis engádeselle a Aula de Teatro Infantil Gepetto. Ademais, o campus conta cun Espazo Danza centrado na danza contemporánea e impartido polo grupo Traspediante. Por último, regresa o obradoiro de gaita galega ofrecido polo músico Gonzalo Abelairas e no que as e os inscritos, sexa cal sexa o seu nivel de formación, profundan neste instrumento e en xeral na música tradicional galega.