O FITO 2026 contará con 17 espectáculos
Do 15 e o 25 de outubro, volve o Festival Internacional de Teatro de Ourense
O campus acollerá a xornada dedicada a creadores emerxentes
Un mes de outubro máis, o Festival Internacional de Teatro de Ourense (FITO) volve a traer o mellor teatro ao público ourensán. Nesta ocasión, o certame celebrará a súa XIX edición contando con 12 sesións nas que se poderán ver 17 espectáculos de compañías galegas, españolas e foráneas. Tamén un ano máis, o campus de Ourense volve a ser unha das entidades que apoian o certame e que acolle parte da súa programación.
Neste 2026, o FITO, sinalan desde a súa organización, “concíbese como un motor de dinamización cultural esencial para a cidade e a provincia, especialmente nun contexto onde a recuperación de espazos de exhibición e a consolidación de audiencias é prioritario”. O festival, subliñan, “non é só un evento puntual; é unha infraestrutura cultural inmaterial que, tras 19 anos, demostrou ser viable, rendible e indispensable para o equilibrio entre a creación artística profesional, o impulso do talento novo e a saúde económica do sector servizos en Ourense”.
Novos talentos e vellos coñecidos
As actuacións do FITO terán lugar principalmente no Teatro Principal pero na cidade de Ourense tamén haberá representacións no campus, no Liceo, na Praza de San Martiño e nas rúas do centro. Como novidade, tamén haberá actuacións en Celanova e Ribadavia. A programación arrancará o xoves 15 coa estrea de Thelma e Lola, da compañía Teatro de Ningures. Neste senso, desde o festival sinalan que nesta edición volve a reafirmarse o compromiso do festival coa creación orixinal ao acoller as estreas absolutas das compañías Arun Run (coa obra Inorganic) e Teatro de Ningures (con Thelma e Lola), “impulsando o lanzamento de novos textos e postas en escena que iniciarán aquí o seu percorrido profesional”.
Igualmente haberá espectáculos “cun selo de excelencia garantido pola Comisión Artística da Rede Nacional de Teatro e Auditorios”. Trátase da obra Costura, da compañía catalá Elena Romero, que trae “unha proposta de teatro documental e de obxectos cunha enorme carga de reivindicación histórica e feminista”; e Poeta (perdido) en Nova York, unha aproximación contemporánea e tecnolóxica á figura de Lorca feita pola compañía El Aedo. No apartado internacional chegan “dúas vellas coñecidas do festival” desde Arxentina e Colombia “sinónimos de veteranía e vangarda”: El Rayo Misterioso, coa súa obra Todo terminará por Navidad, 66 minutos antes de Nochebuena, e L’Explose, que representará Entrecruzad@s.
Unha das sesións terá lugar no campus de Ourense, na sala Emilia Pardo Bazán do Edificio de Ferro. O mércores 21, celebrarase aquí 67 Graos Ourense Fervescénica, “un espectáculo único onde cinco propostas artísticas de mozos creadores poñerán en escena a súa visión do mundo”. Ourensefervescénica, sinalan desde o FITO, consolídase nunha nova edición como “un espazo fundamental para impulsar a creación escénica en Ourense, brindando a novos talentos a oportunidade de mostrar o seu traballo e conectar co público”. Completarán a programación deste XIX Festival Internacional de Teatro de Ourense a representación de Molto Barroco, da compañía Píscore Teatro; Bio Construción, de Ibuprofeno; El Arte de la Guerra, de Excéntricas; Sen Patrón, de Pistacatro, e a peza Dance Join, da bailarina e coreógrafa Marta Alonso.
Presentación
A edición deste ano foi presentada este venres no Teatro Principal de Ourense por representantes das entidades que apoian o Fito, desculpando a súa presencia a Vicerreitoría do campus de Ourense. Estiveron Jacobo Sutil, director de Agadic (Xunta de Galicia); César Gil, vicepresidente da Deputación de Ourense; Olga Mojón, directora do Teatro Principal; José Luis Troitiña, xerente do Liceo Recreo Ourensán; Yennys Milagros Montero, concelleira de Celanova, e Fina Calleja, directora do festival por parte de Sarabela Teatro, compañía organizadora.
