DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Pode verse ata finais de xaneiro nos exteriores do Edificio de Ferro

15 artistas de seis países afondan no compromiso, a igualdade e a convivencia na exposición 'Compartir es Vivir'

A iniciativa forma parte da programación do 25N na UVigo

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cultura
  • Feiras e exposicións
  • Igualdade
  • Cultura
DUVI Ourense 27/11/2024

Compartir es Vivir/Sharing is Living. Compromiso-Educación-Transformación. Este é o título dunha nova exposición que desde este mércores e ata o 31 de xaneiro de 2025 estará exposta nos exteriores do Edificio de Ferro do campus de Ourense. Nela, reivindícase o papel das mulleres artistas e dáse visibilidade á loita contra a violencia de xénero.

A iniciativa enmárcase na programación das xornadas Dixitalización do sistema prostitucional: transformación e deslocalización, que este luns e este mércores se celebran na Facultade de Educación e Traballo Social do campus e que constitúen a actividade central da conmemoración na UVigo do 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller. As xornadas están organizadas polo Grupo de investigación Saúde, Sexualidade e Xénero (PT1) e a Unidade de Igualdade contando con financiamento da Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero e a Xunta de Galicia.

Na apertura este mércores de Compartir es Vivir/Sharing is Living, Francisco Javier Rodríguez Rajo, vicerreitor do campus de Ourense, destacou a pertinencia de expor a mostra neste campus universitario dada a súa traxectoria de compromiso na loita pola igualdade en todos os eidos e tamén polo poder de transformación social que ten a educación.  

Artistas de seis países

Yolanda Herranz e Celeste Garrido son as comisarias da exposición, que se enmarca nas actividades de La Colectiva Portal de Igualdade e que contou coa colaboración da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional da Xunta de Galicia. A mostra, indican as súas responsables, constitúe “un proxecto artístico internacional que ten sido exposto en diferentes museos de varios países” e que tras a súa parada en Ourense continuará o seu itinerario por outras cidades. Os seus tres piares, sinalan as súas responsables, son a reflexión sobre a identidade, a desigualdade, a violencia e a convivencia; o compromiso e tamén a acción-intervención artística. “Compartir es Vivir acolle unha mensaxe de esperanza: a aspiración humana da convivencia en paz”, apuntan as súas comisarsias.

A exposición inaugurada este mércores, que se expuxo por primeira vez en Marín (Pontevedra), agrupa obras de creación pensadas para o espazo público urbano que teñen sido realizadas por 15 artistas de seis países (Brasil, Colombia, España, Estados Unidos, Guatemala e México). Concretamente, a mostra articúlase en quince dípticos de Guerrilla Girls, Yolanda Herranz, Regina José Galindo, Celeste Garrido, Beth Moysés, Mau Monleón, Elina Chauvet, Mar Caldas, Bia Santos, Nela (Manola Roig), Lorena Wolffer, Samuel Gallastegui, Patricia Glauser, Alissia (Mª Penalva-Leal) e Lilian Amaral.