Esgotáronse as prazas dispoñibles en tempo récord
150 persoas celebran o Día dos Océanos navegando pola ría co Campus do Mar e o CIM
A primeira saída tivo lugar pola mañá e pola tarde haberá outras dúas
Lanzáronse 150 prazas e esgotáronse en tempo récord. A cidadanía respondeu de inmediato ao convite realizado polo Campus do Mar e o Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo para celebrar o Día Mundial dos Océanos con saídas en barco pola ría de Vigo, unha actividade divulgativa coa que se busca concienciar á sociedade sobre a importancia de coñecer e protexer os océanos a través da ciencia mariña. A coincidencia en domingo do 8 de xuño, data oficial de celebración desta efeméride, trasladou a hoxe luns as saídas, nun día de sol que animou aínda máis a meterse de cheo nesta experiencia.
Cubríronse todas as prazas, tanto na quenda da mañá, como nas dúas previstas para esta tarde. Na primeira viaxe participaron sobre todo persoas adultas, mentres que para a tarde está previsto a participación de moitos nenos e nenas convertendo a actividade nunha valiosa oportunidade de aprendizaxe en familia.
Experimentos inspirados nas campañas oceanográficas
Durante as travesías o público ten ocasión de coñecer a ciencia mariña a través de experimentos a pequena escala inspirados nas campañas oceanográficas reais que realizan os equipos do CIM. Así, as persoas participantes teñen a oportunidade de recoller plancto cunha manga, que logo poden observar ao microscopio a bordo; tamén se usa unha draga para extraer sedimentos do fondo mariño, permitindo explorar os organismos que habitan nese hábitat e a súa importancia desde o punto de vista da contaminación mariña ou a súa relevancia para os estudos de cambio climático; e incluso se utiliza un robot para observar en tempo real o fondo da ría, visibilizando a riqueza, pero tamén a vulnerabilidade deste ecosistema.
A través de todas as explicación do persoal investigador que exerce de guía, os e as participantes na visita teñen a oportunidade de comprobar de primeira man a importancia da observación oceanográfica, da biodiversidade mariña e dos efectos da actividade humana no medio. Esta experiencia permite así fomentar a alfabetización oceánica, achegando o coñecemento científico á cidadanía para concienciar e activar a súa corresponsabilidade na protección dos océanos.
Con estas saídas, realizadas co apoio da Xunta de Galicia, Campus do Mar e CIM reafirman o seu compromiso coa divulgación científica e coa posta en valor do papel de Vigo como un auténtico polo de investigación mariña, recoñecido a nivel internacional.