DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Contará con 13 espectáculos de compañías galegas e foráneas

Do 16 ao 27 de outubro, volve o Festival Internacional de Teatro de Ourense

O campus acollerá varias das actuacións

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cultura
  • Teatro
  • Cultura
DUVI Ourense 09/10/2024

Este mes de outubro, as artes escénicas volven a ser as protagonistas da programación cultural de Ourense e fano da man da celebración do XVII Festival Internacional de Teatro de Ourense (FITO). O evento terá lugar do 16 ao 27 de outubro, principalmente na cidade das Burgas pero tamén en Celanova, e contará con 13 espectáculos de compañías galegas e foráneas.

A programación foi presentada este mércores no Teatro Principal de Ourense por parte das entidades organizadoras, colaboradoras e patrocinadoras, estando Francisco Javier Rodríguez Rajo, vicerreitor do Campus de Ourense; Jacobo Sutil, director da Axencia Galega de Industrias Culturais; César Fernández, vicepresidente da Deputación de Ourense; Olga Mojón, directora do Teatro Principal; Jose Lois Troitiña, xerente do Liceo Recreo Ourensán; Antonio Puga, alcalde de Celanova, e Fina Calleja, directora do FITO desde Sarabela Teatro. Nas súas intervencións destacaron a colaboración institución que conflúe neste festival e a calidade e traxectoria do Fito, animando ao público a achegarse á súa programación. Na súa intervención, o vicerreitor do campus subliñou que “o teatro é unha ferramenta de transformación social e persoal” e lembrou o compromiso da institución académica con el a través de iniciativas como as aulas de teatro do campus de Ourense.

11 días de programación

Neste ano 2024, o Fito, indican desde a súa organización, “chega coa vontade de revalidarse como espazo de convivencia democrática, como facilitador de transferencia de coñecemento, como un escaparate no que se apertarán xéneros, experiencias e linguaxes coa vontade de comunicarse cos seus espectadores máis fieis pero tamén con aqueles que aínda non o senten como unha cita propia”. Con 16 anos de existencia do festival ás costas, indican, “seguimos ambicionando seguir medrando deseñando unha programación aberta á cidadanía”.

Nesta ocasión serán 11 días de programación, con 13 espectáculos de xéneros diversos e de compañías procedentes de Galicia, Catalunya, Madrid, Arxentina e Portugal-Alemaña. Os escenarios elixidos en Ourense cidade son o campus, o Liceo, o Teatro Principal e a Praza de San Martiño. Xa en Celanova haberá actuacións na súa Praza Maior e no Auditorio Municipal. A programación arrancará o día 16 no Liceo coa obra Vía morta, de Culturactiva e rematará o día 27 no Teatro Principal con O auto do Castromil, de Producións Teatrais Excéntricas, habendo no medio actuacións como a de Mercedes Peón Ósmose. Segundo explicou Fina Calleja na presentación, nesta edición do Fito, seguindo o espírito das anteriores, apóstase nesta programación “polo hibridismo, as novas linguaxes e a paridade”.

Concretamente no campus de Ourense, na sala Emilia Pardo Bazán, no Edificio de Ferro, serán dúas as actividades que se celebrarán. O martes 22 poderá verse o espectáculo María Consolación Visitación Amadora, de Loia Producións, e o día 23 67 Graos-Ourense Fervescénica, un espazo de encontro e diálogo entre disciplinas e artistas.