DUVI

Diario da Universidade de Vigo

CC da Educación e do Deporte acolle esta semana o curso ‘Adestramento deportivo de alto rendemento’

16 conferencias para afondar na preparación de deportistas de elite

A análise do sistema neuromuscular, o olimpismo e a fisioloxía centraron a súa primeira xornada

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Deportes
  • Divulgación
  • Académica
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 21/01/2019

Abordar as características e aspectos específicos do traballo con deportistas xa formados, da preparación orientada cara o alto rendemento, é o propósito central do curso que ao longo da presente semana se desenvolve na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte. Cun programa integrado por 16 conferencias, que van da fisioloxía, a análise do sistema neuromuscular, a alimentación ou a prevención de lesións, ata o traballo específico en disciplinas como o taekwondo, o triatlón, a natación, o piragüismo e o atletismo, o curso Adestramento deportivo de alto rendemento desenvólvese por primeira vez nesta facultade co obxectivo tamén de proporcionar ao alumnado “unha maior carga horaria sobre a área do alto rendemento”, como sinala o profesor Emerson Ramírez, director dunha actividade que reúne a 20 alumnos e alumnas.

“Aproximadamente, o 90% son estudantes da facultade”, engade Ramírez das e os asistentes a un curso impulsado polo Departamento de Didácticas Especiais dirixido tamén a profesionais da preparación deportiva. “Aínda que falaremos tamén da formación do deportista cara ese alto rendemento, trátase dun curso centrado nalgo moi específico, porque estamos falando de deportistas xa preparados, xa desenvolvidos”, apunta o coordinador dunha actividade que, nas 16 conferencias programadas entre este luns e este venres, reúne tanto a profesorado da facultade e da Universidade da Coruña como a técnicos do Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD). Deste xeito, engade Ramírez, o alumnado poderá non só achegarse a aspectos específicos do adestramento orientado ao alto rendemento, senón tamén a propia realidade dos e as profesionais do eido. “Moitos dos asistentes non teñen a posibilidade de traballar no alto rendemento, polo que queremos tamén que vexan como é ese traballo, porque son moitas horas de esforzo, moitas horas de adestramento e planificación e moita esixencia”, sinala dunha curso que con ese propósito inclúe tamén no seu programa unha visita ao CGTD. 

O rendemento pasa tamén polo sistema neuromuscular

Proporcionar aos e ás asistentes un achegamento ao funcionamento do sistema neuromuscular e a súa relación con determinadas variables do rendemento deportivo foi o propósito central do relatorio co que, na mañá deste luns, botou a andar este curso de formación. O profesor da facultade Óscar García incidiu nesta primeira sesión en que máis aló da atención que tradicionalmente se presta no ámbito da preparación deportiva ás fibras musculares, “esquecemos habitualmente que esta fibra vaise adaptar en función da información que recibe dos nervios”. Nese senso, o investigador subliñou que se ben no traballo con determinados deportistas, como velocistas ou levantadores de peso, “xa sabemos desde hai anos que se o sistema neuromuscular non envía a información necesaria ao músculo para xerar esa gran tensión non hai rendemento”, nos chamados “deportes bioenerxéticos”, como o ciclismo, o remo ou o piragüismo de longa distancia, “déuselle habitualmente moita importancia as variables cardiocirculatorias”, sen afondar na análise do sistema neuromuscular como “un factor determinante para mellorar todo o proceso de adestramento”. De aí que, abordar as interaccións “entre o sistema nervioso e a propia fibra muscular” nas unidades motoras e nos estímulos que a través do adestramento poden recibir as células motoras, así como os efectos do adestramento pliométrico no rendemento deportivo, centrasen os contidos dunha conferencia na que García puxo o foco na importancia “de progresar cara un adestramento moito máis integrado”, que teña en conta que “a fibra muscular é só unha parte de todo un sistema neuromuscular que pese no rendemento do deportista”.  

Olimpismo e deportes de resistencia pechan a primeira xornada

Trala conferencia de García, o curso continúa na tarde deste luns co relatorio que a directora do Centro de Estudos Olímpicos da Universidade, María José Martínez Patiño, centra no olimpismo e no movemento olímpico e coa conferencia que o tamén profesor de Ciencias da Educación e do Deporte e ex-director do CGTD Telmo Silva dedica ao rendemento en deportes de resistencia. Remo, adestramento de resistencia aeróbica e anaeróbica e novas tendencias de adestramento en natación figuran entre os contidos que o martes centrarán un curso que inclúe tamén no seu programa relatorios sobre deportes de equipo, muller e rendemento deportivo, adestramento funcional ou prevención de lesións. Do mesmo xeito, entre as 16 conferencias que integran a actividade figuran sesións centradas en disciplinas como o triatlón, taekwondo, atletismo ou piragüismo, contando coa participación, entre outros, dos técnicos do CGTD Jonathan Cancela, Jesús Benito Díez, Merce Barrientos e Juan Pardo, así como do readaptador do Celta de Vigo Pedro Docampo.