DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O profesor Benigno F. Salgado coordina un tributo académico ao escritor

16 estudos para rescatar do esquecemento ao poeta e xornalista Avelino Díaz

A publicación reúne as achegas de 20 investigadores e investigadoras

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cultura
  • Divulgación
  • Lingua Galega
  • Publicacións
  • Investigación
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 26/06/2019

Natural do municipio lucense de Riotorto, Avelino Díaz (1897-1971) residiu a meirande parte da súa vida en Bos Aires, onde combinou o seu traballo como contable coas súas facetas de poeta e xornalista, chegando mesmo a dirixir o xornal máis importante da colectividade galega na Arxentina, o Galicia. Dúas facetas que, por outra banda, non foran previamente abordadas nun estudo académico como Non me deas diñeiro polo que che dou, a publicación coordinada polo profesor da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación Benigno F. Salgado que reúne 16 estudos sobre a obra e traxectoria de Avelino Díaz, realizados por 20 investigadores e investigadoras.

“Como non había ningún estudo sobre el, nin aparecía nas historias da literatura, fixen unha convocatoria solicitando xente que quixese investigar a poesía, o xornalismo e a biografía de Avelino”, apunta Salgado sobre un proxecto que busca recuperar o legado dun “poeta desaparecido”, a pesares da súa relevancia dentro da colectividade galega na Arxentina. Alí Díaz publicou tres libros de poemas, todos eles editados por el mesmo, e que son analizados no primeiro volume deste tributo académico, mentres que o segundo pon o foco no seu labor nos eidos do xornalismo, a tradución e o activismo. Non me deas diñeiro polo que che dou, título que Salgado tomou duns dos poemas de Díaz, foi publicado por 3D1TOR4, o selo que creou en 2017 xunto a editora Tina Poethe para publicar Avelino Díaz: 14 poemas, unha edición crítica das poesías que Díaz envíou en 1936 a Xosé Filgueira Valverde co propósito de que puidesen ser incluídos na Escolma da lírica galega que coordinaba o polígrafo pontevedrés e que nunca viu a luz.

O poeta Avelino Díaz

A análise da produción poética deste autor centra o primeiro volume deste traballo, no que Salgado afonda, no primeiro artigo, no “poder reparador da poesía no exercicio da memoria histórica”, en relación a un autor cuxa “ausencia das antoloxías e historias da literatura galega debe explicarse como efecto colateral do aparello represivo do  estado franquista”. O asesor lingüístico da CRTVG Paulino Novo suma a esta publicación un estudo sobre os apelativos empregados por Díaz na súa poesía, mentres que Alicia Sentí e Andrea Castelo analizan as referencias ao celtismo na súa obra. 

A profesora da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte Ana Acuña propón neste volume unha relectura “desde a perspectiva do ecofeminismo” dos seus poemarios Debezos (1947) e Pallaregas (1963), libros dos que Rocío Villanueva e Icía Moreiras analizan as alusións ao amor. A egresada da Universidade de Vigo Sofía Malvido suma a este tributo un artigo sobre a variedade temática de Flor de retama (1947), o seu único libro en castelán, mentres que o mestre Paco Veiga afonda na pegada dos xogos tradicionais galegos na súa obra. Completa o volume o artigo no que a investigadora e docente Josefa Piñeiro aborda a presenza dos conceptos de riqueza e pobreza na súa poesía. 

O xornalismo de Avelino Díaz e a súa presenza nos xornais

O segundo volume ábrese cun artigo do catedrático da Universidade de Santiago de Compostela Xosé López sobre o xornalismo de opinión de Díaz. Por outra banda, o profesor da Facultade de CCSS e da Comunicación David Formoso presenta un estudo sobre a pegada de Avelino Díaz na prensa editada en Galicia entre 1921 e 2001, continuado coa análise que a xornalista Vanesa Gómez realiza sobre as noticias relativas ao autor que se publicaron entre 2002 e 2017. A cobertura informativa que os principais xornais galegos deron ao seu pasamento en 1971 centra, por outra banda, o artigo que a catedrática Aurora García realizou coas doutoras polas Universidade de Vigo Beatriz Feijóo e Silvia Alende, estudo co que constatan a “escasa proxección que en Galicia se deu á súa intensa actividade cultural e política na diáspora”. 

O volume inclúe tamén o artigo no que a ex-alumna Susana Brandariz aborda o compromiso de Díaz co galeguismo, así como á análise de Inés Mosquera sobre a súa actividade como tradutor. Xunto cun artigo no que o investigador da USC Miro Díaz pon en relación a obra de Díaz coa doutros poetas da diáspora, o libro complétase cun artigo da psicóloga e sobriña-neta do poeta Janet Díaz, quen presenta un estudo sobre o impacto da emigración na súa personalidade no que analiza cinco cartas inéditas que o autor enviara a súa familia.