DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O evento celébrase de xeito virtual desde este luns

160 especialistas participan no VI Simposio Internacional de Ensino das Ciencias

O seu obxectivo é o intercambio de experiencias entre persoal docente e investigador

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Investigación
DUVI Ourense 16/06/2022

Desde este luns 13 de xuño e ata este xoves 16, celébrase a sexta edición do Simposio Internacional de Ensino das Ciencias. Este evento en liña ten lugar cada dous anos co obxectivo de ser un punto de encontro para o intercambio de experiencias e de relación entre todas aquelas persoas interesadas no ensino das ciencias en calquera ámbito educativo.

Educación Editora é a entidade organizadora do simposio, estando o seu comité organizador formado polo profesorado da Universidade de Vigo Pedro Membiela e Mercedes Suárez (Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense) e Benito Vázquez (Escola de Enxeñaría de Minas e da Enerxía do campus de Vigo). Forman parte do comité científico deste evento máis dunha trintena de especialistas de universidades de España, Portugal, Francia, Alemaña, Italia, Chile, Venezuela, Arxentina, México e Brasil. Segundo explica Pedro Membiela, son arredor de 160 as persoas inscritas, principalmente vinculadas á investigación no eido das ciencias, como profesorado universitario, investigadoras e investigadores e alumnado de doutoramento interesado nas liñas de traballo que se abordan na cita.

Presente e futuro

O VI Simposio Internacional de Ensino das Ciencias, sinalan desde a súa organización, celébrase tendo en conta que cada ano “hai novos retos” no seu eido de traballo “e faise necesario revisar as nosas perspectivas no que é a calidade e mellora do ensino das ciencias”. É moi importante, engaden as e os responsables da cita, “difundir as experiencias investigadoras e/ou innovadoras e o intercambio de experiencias” pois, comentan, “axuda a mellorar a práctica do ensino das ciencias”. Seguindo a liña de traballo de anos anteriores, a programación articúlase en catro tardes consecutivas, contando cada sesión cunha parte de foro, outra de mesa redonda e outra de presentación de comunicacións orais, co obxectivo de fomentar a participación e o diálogo. Do mesmo xeito, e atendendo á diversidade xeográfica das e dos participantes, dúas das tardes desenvólvense tendo como idioma principal o inglés e outras dúas o castelán e portugués,

Durante as mesas redondas xa celebradas e as que terán lugar este xoves pola tarde, os temas centrais son o presente e futuro da investigación en educación científica; a innovación na aprendizaxe das ciencias; o ensino das ciencias en tempos de pandemia; o presente e futuro de ser profesor de ciencias; as prácticas educativas nas aulas de ciencias e a educación ambiental e sostenibilidade no ensino de ciencias. Sobre este contidos, Pedro Membiela destaca que “seguimos un criterio amplo, non restritivo, abranguendo a diversidade deste ámbito de investigación arredor do ensino das ciencias”. Ao longo das sesións xa celebradas, tamén se reflexionou sobre a propia investigación arredor do ensino das ciencias, das súas condicións e dificultades actuais. “Os retos do ensino das ciencias e da investigación nel son en xeral os mesmos que afronta o ensino no seu conxunto”, apunta Pedro Membiela. Tras o impacto da covid-19, sinala, “de algunha maneira precisamos resituármonos nun escenario sen pandemia ou cunha pandemia controlada no que as condicións para ensinar e para aprender volven a certa normalidade pero nas que o que pasou deixou marca”. Hai moitas cousas que eran importantes antes da pandemia, afirma, e que o seguen sendo, e hai outras novas que entran no seu escenario.