O programa de conciliación da UVigo cumpre este verán 20 anos
160 prazas para nenas e nenos de entre 3 e 16 anos no Campus Camp 2024
A inscrición permanecerá aberta desde o martes 21 ata o 5 de xuño
O programa Campus Camp 2024, dirixido a favorecer a conciliación da vida profesional e familiar dos membros da comunidade universitaria en época de vacacións escolares, abrirá desde mañá martes e ata o 5 de xuño unha nova convocatoria de inscrición. Con 125 prazas para o campus de Vigo e 35 para o de Ourense, ao non rexistrarse preinscricións suficientes no campus de Pontevedra, a actividade vai dirixida a nenas e nenos de entre 3 e 16 anos, fillos e fillas de estudantes, persoal de administración e servizos e persoal docente e investigador da Universidade de Vigo.
Como xa é habitual, a inscrición pode realizarse a través de Campus Activo, adxuntando a documentación necesaria, previamente escaneada. O campamento arrancará este ano o 24 de xuño e prolongaranse ata o 10 de setembro, quedando excluído o mes de agosto, os sábados, domingos e festivos.
Prezos e horario
As actividades do Campus Camp, de carácter educativo e moi lúdico, van dirixidas a fomentar a colaboración, o traballo cooperativo e a adquisición de habilidades específicas. Para adaptarse ás necesidades das familias, establécense diferentes quendas con distinto custe cada unha delas: período completo de xuño-xullo-setembro, cun prezo de 160 euros; só xuño ou só setembro, 30 euros; mes de xullo completo 120 euros; primeira ou a segunda quincena de xullo 60 euros, e días soltos, cun prezo de 8 euros día. A estes prezos aplicaránselle deducións no caso de segundo fillo ou filla matriculados (10%), terceiro (15%), cuarto (20%) ou quinto (25%).
O programa terá lugar de luns a venres (agás festivos) de 07.45 h ata as 15.00 horas, en xuño e setembro, e de 08.45 a 14.45 horas no mes de xullo.
Desde 2004 en Ourense e desde 2005 tamén en Vigo
Consolidado xa como un programa pioneiro de conciliación, Campus Camp cumpre este verán 20 anos. A iniciativa arrancou no campus de Ourense en 2004, da propia necesidade de conciliar a vida laboral e familiar de dúas integrantes do PAS deste campus María Teresa Díaz e Raquel Iglesias e, por eses mesmos motivos, David Basalo exportou esa idea ao campus de Vigo o ano seguinte.
Desde entón, cada verán ambos campus énchense de cativos e cativas que aproveitan as súas vacacións para realizar actividades lúdicas e educativas nas que se traballan os valores de compañeirismo, traballo en equipo, igualdade, inclusión… En recoñecemento a todo o seu labor, no ano 2015 concedéuselle o III Premio de compromiso coa igualdade de xénero da Universidade de Vigo Uviguala.
Na pasada edición, 2023, participaron no Campus Camp 149 nenos e nenas no campus de Vigo e 32 no de Ourense.