DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Biblioteca Rosalía de Castro acolle a mostra 'Sen Moldes III'

17 comentarios fotográficos sobre os xéneros

As obras están realizadas por alumnado de Belas Artes

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Arte
  • Cultura
DUVI Ourense 11/02/2020

Cada curso académico o alumnado do Grao en Belas Artes do campus de Pontevedra elabora unha mostra que baixo o título Sen Moldes recolle obras fotográficas súas nas que reflexionan sobre “a orde sexual imposta”. A exposición da terceira edición desta iniciativa pode verse ata o 15 de marzo na Biblioteca Rosalía de Castro do campus de Ourense, ocupando diferentes espazos do seu edificio.

A mostra, ao igual que en edicións anteriores, conta coa colaboración da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo e da Facultade de Belas Artes, e chega ao campus de Ourense despois de ser exposta no campus de Vigo. Baixo o título Sen Moldes III. Comentarios fotográficos sobre os xéneros, a iniciativa, explican os seus responsables, reúne fotografías realizadas por alumnado de primeiro curso do Grao en Belas Artes do campus de Pontevedra no marco da materia Técnicas Fotográficas, impartida por Mar Caldas e Andrés Pinal. Nesta materia, comentan os seus responsables, propónselle ao alumnado "elaborar imaxes que reflexionen sobre a orde sexual imposta, contrapoñéndolle visións críticas, innovadoras, creativas, diverxentes ou mesmo paradoxais”.

Traballos complexos e imaxinativos

Entre as propostas presentadas polo alumnado nesta edición, e “procurando dar conta dun amplo abano temático e buscando amosar traballos complexos e imaxinativos”, o profesorado da materia seleccionou para ser expostas en Sen Moldes III as propostas de 17 alumnas e alumnos. Concretamente, participan na exposición que se pode ver na Biblioteca Rosalía de Castro os alumnos e alumnas Aldara Vázquez, Alexandre Rodríguez Blanco, Antía Encisa, Arianne Romero, Carlainsh, Clo, Chus Nimo, Lili Algo, Lorena Vázquez Cruz, Lucía González Fernández, Mente de Amuleto, Raquel Álvarez, Rubén Mascato, Tamara Goberna, Uxía González Fernández, Vilja Gunzelmann e Xoel Gómez López.

“Polas vías da denuncia ou da proclamación, empregando a parodia ou a evocación, desde a afectividade ou o desapaixoamento, falando en primeira persoa ou recollendo outras voces”, comenta Mar Caldas, estes estudantes “construíron estas imaxes que quebran cos roles de xénero tradicionais, exploran sexualidades liberadas das normas e indagan nas identidades abertas e plurais”. As 21 fotografías expostas, engade, “convídannos a incorporar novos principios de visión, a desfacernos de vellos esquemas mentais, a imaxinar diversas subxectividades, construídas sen feituras prefixadas, sen moldes”.