DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Universidade únese ás iniciativas de fomento do desenvolvemento sostible da ONU

17 obxectivos para que o mundo sexa mellor en 2030

Pon en marcha unha campaña de sensibilización en web e redes sociais para todo o 2019

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Democracia
  • Divulgación
  • Medio Ambiente
  • Saúde
  • Cultura
DUVI 01/02/2019

Por primeira vez na historia, a humanidade deseñou de xeito conxunto unha proposta común para traballar de xeito conxunto polo futuro do planeta. A Axenda 2030 é precisamente unha folla de ruta que foi aprobada por 193 países, un plan de acción global que busca avanzar na prosperidade, na xustiza e na paz universal a través de 17 obxectivos, os denominados Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS). Estes, á súa vez, van acompañados de 169 metas que deben inspirar as políticas públicas postas en marcha polas administracións que operan nos estados, entre elas, as universidades. Dando resposta a este compromiso, a Área de Responsabilidade Social e Cooperación da Universidade de Vigo pon en marcha unha campaña de divulgación na web e redes sociais para dar a coñecer esta Axenda 2030 entre a comunidade universitaria. Deste xeito, ao longo do ano iranse divulgando cada un deste puntos coincidindo coa celebración de determinados días internacionais. Para comezar, estanse a poñer en marcha dúas campaña xenéricas, unha titulada O mundo podería ser un pouco mellor a partir de 2030 e outra E ti que estás a facer polo mundo? A partir de aí iranse sucedendo campañas centradas en medidas centradas no fin da pobreza, a fame cero, saúde e benestar, educación de calidade, igualdade de xénero, auga limpa e saneamento, enerxía accesible e non contaminante, traballo decente e crecemento económico, industria, innovación e infraestruturas, redución das desigualdades, cidades e comunidades sostibles, produción e consumo responsables, acción polo clima, vida submarina, vida de ecosistemas terrestres, paz, xustiza e institucións sólidas e alianzas para acadar os obxectivos.

Que é a Axenda 2030 e que podo facer eu?

Nesta primeira campaña do mes de febreiro, explícase en que consiste a Axenda 2030, un documento asinado por case 200 países con “diferentes niveis de desenvolvemento, sensibilidades e circunstancias políticas”. Por este motivos, dende a ONU recoñecen que o texto ten “as súas limitacións” e destacan que non se trata dun “acordo propiamente dito, nin moito menos un tratado vinculante, senón unha declaración xenérica na que os países comprométense en traballar conxuntamente cara un desenvolvemento máis sostible do planeta”.

Na segunda campaña incidirase nas medidas que cada quen pode tomar de xeito individual para colaborar cos obxectivos da Axenda 2030. Dende a Área de Responsabilidade Social e Cooperación explica que “como institución pública e referente social, a Universidade de Vigo ten a obriga de liderar o cambio que representa a Axenda 2030 a través dunha estratexia que aliñe as súas políticas cos 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sostible”. Pero tamén fan fincapé na responsabilidade persoal “de intentar acadar un planeta máis xusto, igualitario, solidario e sostible” cambiando hábitos ou reforzando determinadas actitudes que beneficien a outras persoas e ao propio planeta. Para iso, a campaña propón unha serie de medidas para convertese en “axente de cambio sen moito esforzo”, cunha serie de propósitos para facer “dende o sofá, dende a casa, dende o traballo, etc.”. Neste sentido, recomendan, por exemplo, mercar produtos locais, reducir o consumo eléctrico, empregar enerxía renovables, apostar polo transporte público, doar o que non se empregue, aforrar auga nas duchas e no lavado da louza, empregar cueiros de tea ou ecolóxicos ou botellas de auga reutilizables.

Tras as dúas primeiras campañas xenéricas, o vindeiro 4 de febreiro, coincidindo co Día internacional contra o cancro, lanzarase unha específica centrada no obxectivo tres, que aborda a saúde e o benestar. Sucesivamente, ao longo do ano iranse debullando do mesmo xeito cada un dos 17 obxectivos acordados por estes 193 países de cada ao 2030.