DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na II edición do programa de innovación aberta Colmea de Ideas

18 empresas buscan axuda no alumnado universitario para resolver 26 retos reais de innovación

A idea é que poidan formular as solucións a estes desafíos a través dos seus TFG e TFM

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Emprender
  • Estudantado
  • Universidade e empresa
  • Estudantes
D. Besadío DUVI 11/10/2022

18 empresas e 26 retos reais de innovación. Así son as cifras da II edición do programa de innovación aberta Colmea de Ideas, unha iniciativa posta en marcha en 2021 pola Área de Emprego e Emprendemento coa idea de recompilar os retos abertos que se poidan presentar desde as entidades e aos que o alumnado poida dar resposta a través dos seus traballos fin de estudo, ben sexa traballos fin de grao (TFG) ou traballos fin de mestrado.

“A idea do programa é aplicar un dos procedementos que se empregan hoxe en día para detectar e incorporar talento ás empresas, o que se chama innovación aberta”, explica a vicerreitora de Estudantado e Empregabilidade Natalia Caparrini, quen insistiu en que se trata de lanzar á contorna universitaria un desafío, unha necesidade ou un problema coa idea de que o estudantado expoña e desenvolva solucións e melloras a eses retos. Xunto a ela participaron na presentación do programa, realizada recentemente nun acto en liña, a directora da Área de Emprego e Emprendemento, Maruxa Álvarez, así como representantes de todas as empresas e institucións que participan, docentes –sobre todo coordinadores de traballos TFG e TFM-  e estudantes interesados en coñecer os retos propostos.

Máis entidades participantes e máis retos a resolver

“A través deste programa compílanse todos estes desafíos formulados polas empresas para que as nosas universitarias e universitarios poidan axudar a resolvelos”, apuntou Caparrini, ao tempo que explicou que o programa se estrutura en tres fases. Unha primeira etapa, xa finalizada, foi a presentación dos retos por parte das entidades externas; a segunda, que se prolongará ao longo de todo o mes de outubro, é a publicación pública destes retos, e a terceira correspóndese coa presentación de candidaturas por parte do alumnado. A diferencia do curso pasado, no que se establecían un prazos concretos para a presentación de solicitudes por parte do alumnado, este curso eliminouse ese requisito. “Decatámonos de que as alumnas e alumnos están cada un nun proceso, nunha fase concreta, e por iso decidimos deixar aberto o prazo de solicitudes ao longo de todo curso”, explica a vicerreitora, quen apuntou que o que se fará será publicar tres resolucións distintas –en decembro, marzo e xuño-, co alumnado seleccionado para cada reto, de maneira que as persoas interesadas se poidan ir incorporando segundo as súas necesidades.

Tal e como se explicou durante a presentación, a segunda edición do programa trae consigo un maior número de entidades participantes e tamén un abano máis amplo de retos. “Hai 26 retos fronte aos 14 da edición anterior e 18 empresas, seis máis que en 2021”, recalcou a directora da Área de Emprego e Emprendemento, Maruxa Álvarez, facendo así fincapé na “ampla diversidade dos proxectos desta edición”. 

Diversidade de desafíos

Os retos formulados polas empresas abarcan ámbitos moi diversos, desde cuestións relacionadas coa saúde e o coidado das persoas, ata retos ambientais e forestais, pasando por cuestións tecnolóxicas ou outras relacionadas cos ámbitos xurídicos e das humanidades. Algunhas empresas ou entidades formulan un solo reto, mentres que outras participan con distintos desafíos. 
Na listaxe de entidades participantes aparecen nomes como o CTAG, o Centro Tecnolóxico da Automoción de Galicia, con cuestións relacionadas co deseño da automoción do futuro; a empresa Avícola de Galicia, que reta ao alumnado, entre outras cousas, a que lle axude a resolver cuestións como o aforro de auga neste tipo de empresas; a Fundación Roberto Rivas, que centra o seu desafío na busca de oportunidades na cadea de valor do sector forestal ou a firma Atendo Calidade SL, cuxo obxectivo é conseguir propostas que axuden a axilizar o funcionamento diario dun centro destinado a persoas maiores mediante o uso dun asistente virtual.