DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A CIUG publicou hoxe a primeira listaxe de estudantes admitidos tras o proceso de preinscrición

18 graos da Universidade de Vigo cubrirán todas as prazas no primeiro prazo de matrícula

O primeiro chamamento para que o alumnado formalice este proceso ábrese dende mañá ata o luns 18

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Estudantado
  • Estudantes
M. Del Río DUVI 14/07/2022

Tras a publicación este xoves por parte da CIUG, Comisión Interuniversitaria de Galicia, da primeira listaxe de estudantes admitidos e en lista da garda nas titulacións de grao das tres universidades galegas, mañá venres comeza o primeiro período de matrícula. Segundo estes datos, a UVigo cubrirá todas as prazas de novo acceso en 18 titulacións, nas que existen máis preinscricións como primeira opción ca prazas ofertadas. Entre as titulacións que se atopan nesta situación está unha das que se estrean o próximo curso, Relacións Internacionais, que se impartirá conxuntamente nos campus de Ourense e de Ferrol.

En total, tras a celebración das probas de ABAU da convocatoria ordinaria de xuño, 21.189 estudantes solicitaron estudar nalgún dos 183 graos universitarios ofertados no SUG. O alumnado que neste primeiro chamamento fose admitido na súa primeira opción no proceso de preinscrición terá de prazo para formalizar a matrícula dende este venres 15 ás 00.01 ata o luns 18 de xullo ás 23.59 horas.

73 graos completos en Galicia, 18 deles da Universidade de Vigo 

Das 183 titulacións que se ofertan para o curso 2022-2023 en Galicia, no primeiro chamamento de matrícula pecharán 73, das cales 18 son da UVigo. Atendendo á listaxe de estudantes admitidos na titulación solicitada como primeira opción, no campus de Ourense cubrirá todas as prazas o novo grao conxunto en Relacións Internacionais, así como o grao en Enxeñaría Aeroespacial, o grao en Xeografía e Historia, os dobres graos en Administración e Dirección de Empresas e Enxeñaría Informática, e Administración e Dirección de Empresas e o Grao en Dereito. 

No campus de Pontevedra pecharán os graos en Dirección e Xestión Pública (virtual), en Comunicación Audiovisual, e en Publicidade e Relacións Públicas. 

Finalmente, no campus de Vigo cubrirán todas as prazas no primeiro chamamento os graos en Enxeñaría en Organización Industrial, Dereito, Enxeñaría Mecánica, Tradución e Interpretación Español-Inglés, Tradución e Interpretación Español-Francés, Enxeñaría Biomédica e os dobres graos en Administración e Dirección de Empresas e Dereito; Enxeñaría Biomédica e Enxeñaría en Electrónica, Industrial e Automática; en Enxeñaría Biomédica e Enxeñaría Mecánica; e en Enxeñaría Mecánica e Enxeñaría en Electrónica, Industrial e Automática.

Seis chamamentos

Ao longo do proceso de asignación de prazas, a CiUG realizará un total de seis chamamentos a matrícula, convocando ao estudantado por prelación na nota obtida para o acceso aos distintos graos e dobres graos universitarios, ata cubrir as prazas ofertadas.

O primeiro chamamento publicouse hoxe 14 de xullo, e o alumnado ten desde este venres 15 ata o luns 18 de xullo para formalizar a matrícula. O día 22 de xullo publicarase o segundo chamamento, con prazo de matrícula entre o 23 ao 27 de xullo. O terceiro chamamento publicarase o día 29 de xullo, con prazos para matrícula desde o 30 de xullo ao 2 de agosto. Posteriormente, incorporarase aos chamamentos o alumnado que superase a ABAU na convocatoria extraordinaria de xullo, que xusto remata hoxe. Neste caso, os chamamentos terán lugar os días 4 e 9 de agosto, e 2 de setembro, con prazos de matrícula do 5 ao 8 de agosto, do 10 ao 11 de agosto, e do 3 ao 6 de setembro.