DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A cita celebrouse este venres no Liceo de Ourense

180 persoas participan na xuntanza anual das asociacións de alumnado sénior das universidades galegas

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Asociacións de Estudantes
  • Congresos e xornadas
  • Estudantado
  • Institucional
DUVI Ourense 10/10/2025

Arredor de 180 persoas, alumnado e ex alumnado dos programas das diferentes universidades galegas destinados a persoas maiores, déronse cita este venres no Liceo na celebración das IV Xornadas de asociacións universitarias séniors de Galicia. Foi unha ocasión para que este colectivo compartise inquedanzas e aprendizaxe nunha xornada na que as e os estudantes sénior galegos foron os protagonistas. 

Estas xornadas son unha iniciativa anual da Federación Galega de Asociacións Universitarias Séniors, celebrándose cada ano nun campus galego e recaendo nesta ocasión a organización na Asociación de Estudantes Aulas de Formación Aberta do campus de Ourense-Universidade de Vigo. A edición deste ano contou co apoio de, ademais da Vicerreitoría do Campus de Ourense, da Xunta de Galicia, a Deputación Provincial e o Concello de Ourense. 

A actividade foi inaugurada por Francisco Javier Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense; Celso Pumar, presidente da Asociación de Estudantes Aulas de Formación Aberta do campus de Ourense; Gonzalo Pérez Jácome, alcalde de Ourense; Rosendo Fernández, deputado provincial; Eloína Núñez, subdirectora xeral de Envellecemento Activo e Prevención da Dependencia e Innovación Sociosanitaria da Xunta, e José Luis Troitiña, xerente do Liceo Recreo Ourensán. Entre as e os asistentes estaba tamén Alma Gómez, coordinadora do Programa Universitario para Maiores do campus de Ourense. 

Francisco Javier Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense, salientou a importancia da celebración desta cita na cidade e deu os parabéns á organización polo traballo feito. O responsable académico lembrou o compromiso da Universidade de Vigo coa formación ao longo de toda a vida, concretamente a través do Programa Universitario para Maiores que se desenvolve con éxito nos tres campus da institución académica. 

A xornada, que levou por lema Saberes e sabores de Ourense, arrancou con dous relatorios. Un primeiro sobre as “augas misteriosas da provincia termal de Ourense”, a cargo de María G. Souto, licenciada en Ciencias Químicas e en Farmacia; delegada da Federación Mundial de Termalismo e Climatoterapia en España e académica numeraria da Real Academia Europea de Doutores. O segundo foi sobre nutrición para unha vida activa e saudable e correu a cargo de Marisol López, dietista, nutricionista e tecnóloga de alimentos. A sesión continuou cunha mesa de debate sobre os relatorios presentados e outra sobre a formación permanente ao longo da vida, composta esta última por representantes das asociacións universitarias e moderada por Alejandro Otero. Pechou a actividade Alejandro Otero, presidente de Fegaus, e unha visita guiada pola cidade.