DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Biblioteca Rosalía de Castro acolle unha exposición sobre esta temática

19 fotografías que rachan os moldes arredor do xénero

As obras están realizadas por alumnado da Facultade de Belas Artes de Pontevedra

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Arte
  • Cultura
  • Igualdade
  • Cultura
DUVI Ourense 20/03/2019

Despois de estar nos campus de Vigo e Pontevedra, a exposición Sen Moldes II exponse desde este mércores na Biblioteca Rosalía de Castro do campus de Ourense, onde pecha o seu percorrido pola Universidade de Vigo. Trátase de 19 fotografías ou series fotográficas feitas por alumnado da Facultade de Belas Artes de Pontevedra que pretenden promover unha reflexión, a través da imaxe, sobre os roles de xénero, a violencia machista e a orde sexual imposta.

A mostra, que conta co patrocinio da Unidade de Igualdade, xorde no marco da materia de primeiro curso do Grao en Belas Artes Técnicas fotográficas, impartida por Mar Caldas, Andrés Pinal e Carlos Tejo. “Para nós é unha honra contar con esta exposición da Facultade de Belas Artes que fai protagonistas aos seus estudantes cunha temática que agora mesmo é de vital importancia e na que temos que traballar moito no eido da concienciación”, comentou Ana Mª Torrado, directora da Área de Dinamización Cultural e Educativa e Integración do Campus de Ourense, na visita este mércores á exposición.  

140 alumnas e alumnos realizaron os seus traballos no marco desta materia e entre eles o profesorado seleccionou as 19 imaxes ou series expostas, realizadas por 18 alumnas e un alumno, que xiran arredor das problemáticas do xénero dun xeito amplo, tal e como explicou Carlos Tejo este mércores no campus de Ourense. Sobre a calidade das obras, o profesor salientou como “resultaron sorprendente os resultados xa que non podemos esquecer que o alumnado é de primeiro curso, acaba de entrar na facultade, e o resultado é moi interesante”. Á hora de acadar estes bos resultados, Carlos Tejo apuntou tamén a importancia que ten o labor previo á realización do traballo fotográfico, xa que, sinalou, “facemos unha introdución teórica a como evolucionou a relación da fotografía co xénero sobre todo na arte contemporánea”. Salientando como ao profesorado que participa na iniciativa “parécenos moi interesante recuperar a escena da fotografía como ferramenta de reflexión e ferramenta para que a comunidade universitaria se exprese”, Tejo tamén subliñou a importancia que ten a iniciativa Sen Moldes, pois, lembrou, “é a primeira ou case a primeira vez que este alumnado ten a súa obra exposta de cara ao público”.  

Diversidade de obras

Entre as fotografías e series de imaxes seleccionadas por Tejo, Caldas e Pinal, reúnense tanto imaxes que proxectan “metáforas que provocan lecturas abertas” como outra serie de obras que “desde a súa rotundidade, falan directa e abertamente da temática proposta”, imaxes que “mostran outras realidades posibles arredor do xénero, cuestionando a norma ou denunciando as arestas máis perigosas do patriarcado”. Así, entre as 19 fotografías atópanse propostas que abordan “as convencións sobre a beleza da muller que impón a sociedade patriarcal”, como as fotografías de Carla Fernández e Lola Calviño, mentres que outras imaxes, como El período tabú de Nuria Ferreiro “recuperan un pouco a esencia política do movemento feminista dos anos 70, que reivindicaba cousas como o ciclo menstrual como algo que non é impuro”, explicou Tejo. Outra serie de fotografías, como as proposta por María Pérez, Paola Reboreda, Iria Pereira e Carla Montouto parten do traballo coa “dislocación de xénero”, poñendo en cuestión “unha impositiva heterosexualidade”.

A mostra, comentou Carlos Tejo, inclúe imaxes con carga irónica, como a de Iria Pazos dun peito de muller difuminado coa excepción da teta, dándolle a volta á censura existente nas redes, e outras “imaxes moito máis poéticas” como a serie de fotografías de orellas proposta por Mónica Pascual, “que fan alusión á unidade dentro da diversidade”. Noutros casos, como o de María Barca, a reflexión céntrase nas “discriminacións que as mulleres seguen sufrindo no ámbito laboral”, ou no caso de Benita Diéguez nas súas propias vivencias de cando ía de pequena coa súa avoa ao lavadoiro, un espazo no que só había mulleres. As creacións de Nahir Álvarez, Uxía Armada, Mateo Barcia, Benita Diéguez, Daniela Domínguez, Vanesa Domínguez, Sofía González, Laura López, Mónica Pascual, Iria Pazos e Uxía Zamar completan a exposición que pode verse en diferentes espazos das Biblioteca Rosalía de Castro ata o 24 de abril.