DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No acto presentouse o Plan de Turismo Español "Horizonte 2020"

A 1ª promoción do Máster Oficial en Dirección e Planificación do Turismo xa está na rúa

20 alumnos recibiron o diploma que os acredita como expertos en Turismo de Interior e Saúde

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Marta Casanova DUVI 28/03/2008

A primeira promoción do Máster Oficial en Dirección e Planificación do Turismo xa está na rúa, despois de que os 20 alumnos que hai dous anos inauguraron este posgrao, recolleran os seus diplomas acreditativos antes de comezar as prácticas en empresas. No acto, do que foron padriños o director do POP, Jose Antonio Fraiz Brea, e Rubén Lois Calviño, director xeral de Turismo da Xunta de Galicia, tamén se rendeu homenaxe ás entidades que colaboraron na formación dos posgraduados. Ademais, a secretaria xeral de Turismo, Amparo Fernández, aproveitou a ocasión para presentar o Plan de Turismo Español Horizonte 2020 ante os futuros dirixentes do sector.
Ante o numeroso público asistente, entre o que se atopaban Juan Francisco Gálvez, vicerreitor do campus; Carmen García Mateo, vicerreitora de Titulacións e Converxencia Europea; Emilio Atrio, presidente do Consello Social; Alexandre Sánchez, tenente de alcalde do Concello; Xosé Antón Jardón, delegado de Innovación e Industria; Jose Luis Baltar, presidente da Deputación; Camilo Ocampo, subdelegado do goberno en Ourense, e Manuel Freire, presidente do Inorde, o director do máster recordou “o esforzo dos alumnos para abordar nestes dous cursos 27 materias”, o que supuxo “interminables xornadas na facultade, incluso sábados e festivos, numerosos exames, e un elevado volume de traballo. Así como, outras actividades de tipo formativo” entre as que destacou “as visitas a bodegas, balnearios e circuítos termais, paradores, Fitur ou á Toscana”.

Implantación do doutoramento

O máster é, segundo Fraiz Brea, “un dos poucos especializados en turismo en España e o único orientado cara o turismo interior e de saúde, o que supón que esteamos na locomotora do tren no que se refire ás titulacións europeas, grazas ao apoio da Consellería de Innovación e Industria”. Tamén adiantou que, para completar a oferta educativa no sector turístico da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo, “imos implantar o ano que vén o terceiro ciclo, dedicado á investigación e que se sumará ao grao e ao posgrao”.

Presentación do Plan "Horizonte 2020"

Amparo Fernández, secretaria xeral de Turismo aproveitou a ocasión para achegarse “ao mundo da universidade, que representa o futuro e ese talento tan importante para a economía e a sociedade española”, e felicitou á vintena de posgraduados “polo acerto á hora de elixir o turismo como ámbito profesional, porque ademais de ser apaixonante, representa un futuro cheo de oportunidades”.
Ademais, recalcou que España, sendo como é “líder no sector turístico precisa de especialización e capacitación profesional dos recursos humanos para poder competir e seguir manténdose á cabeza mundial e por iso, ante vos, como futuros directivos, quero presentar a estratexia que vai ser esencial para o desenvolvemento do sector nos vindeiros anos: o Plan de Turismo Español Horizonte 2020”.
O principal obxectivo do plan é , segundo a secretaria xeral, “manter a competitividade nun entorno cambiante que está supoñendo a transformación total da estrutura do negocio turístico a unha velocidade impresionante e nun mercado marcado polo auxe das novas tecnoloxías e das novidades no transporte aéreo, o cambio máis relevante deriva do novo perfil dun consumidor cada vez máis esixente en cuestións cualitativas” comentou.
Nestes cambios que se prevén, Amparo Fernández dixo que “terá moita importancia o impacto medioambiental, a compatibilidade do ocio coa redución dos impactos ambientais e a protección dos espazos naturais”. Ademais, engadiu que “isto supón un reto para os destinos maduros asociados ao sol e a praia pero tamén unha oportunidade para novos destinos emerxentes como Ourense que, grazas á transformación, vén aparecer novos horizontes para o seu desenvolvemento”.
O proceso de reflexión estratéxica destes temas ao longo do ano 2007 por parte de todos os axentes implicados no turismo, culminou coa aprobación por unanimidade no Consello de Turismo do Plan de Turismo Español Horizonte 2020. “A participación das administracións nacionais, autonómicas e locais, de investigadores, axentes socias, do sector empresarial, de operadores e consumidores de turismo supón que sexa un traballo conxunto, único na historia de España, e unha análise realista das fortalezas e debilidades do sector, pero sobre todo un novo pulo para conseguir enfrontar eses cambios que se están producindo a nivel mundial” concluíu a secretaria xeral.