DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O alumnado da EEI programa tres días de actividades para recuperar a festividade do patrón

A 1ª Revolución Industrial*ES arranca con música e filloas

Amosando como a enxeñaría está presente incluso na cultura e nos produtos tradicionais

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Asociacións de Estudantes
  • Cultura
  • Deportes
  • Música
  • Estudantes
M. Del Río DUVI 25/03/2019

A enxeñaría está en todas partes, tanto é así que chega mesmo á música tradicional ou á gastronomía típica. Mostra disto foi a primeira xornada de celebración do San Xosé, o patrón da Escola de Enxeñería Industrial, que ao longo da mañá reuniu na contorna do centro do campus á comunidade universitaria nunha filloada amenizada por Cé Orquestra Phantasma. Con estas actividades lúdicas e culturais, a Delegación de Alumando do centro trata de recuperar a festividade do patrón arredor dun programa de actos no que a escola volva ser o centro dos eventos, deixando atrás macrofestas que en pasados anos reunían miles de mozos e mozas no campus sen ningún tipo de nexo en común.

Quixeron denominar esta aposta por recuperar a festa para a comunidade educativa da EEI como 1ª Revolución Industrial’ES, “ofrecendo alternativas responsables ás festividades comúns no ámbito universitario xerando así un ambiente inclusivo e solidario”. A celebración prolongarase dende hoxe luns ata o mércores, cando a sede de Torrecedeira acollerá o acto institucional do patrón e a entrega de premios do concurso de emblemas para o centro. Un dos obxectivos da Delegación de Alumando da EEI para este evento era “dar visibilidade á gran transversalidade que ofrece a enxeñaría en campos como a música ou a tradición galega”. Por isto, a sede do campus acolleu esta mañá unha filloada, para o que contaron cunha máquina que elabora este tipo de produtos a un ritmo de 1200 cada hora, no que segundo destacan dende a delegación, “é unha perfecta simbiose entre innovación e tradición”. Outro exemplo desta relación é a actuación de Cé Orquestra Phantasma, que desenvolveu un mecanismo de tirantes e balancíns que lle permite tocar varios instrumentos ao mesmo tempo, dende un bombo ata unha pandeireta. 

Pero ademais de visibilizar a aplicación práctica da enxeñaría, o alumnado tamén quixo achegar unha vertente solidaria ao evento, de xeito que para adquirir as filloas era preciso doar un quilo de alimentos non perecedoiros, en colaboración coa Vicerreitoría de Responsabilidade Social, Igualdade e Cooperación.

Xadrez, deporte e pausas saudables

A celebración do San Xosé continúa ata o mércores cun Torneo de Xadrez que arrancou este luns en Torrecedeira e con partidos de balón prisioneiro, actividades que se completarán con pausas saudables para amosar os beneficios de intercalar a rutina sedentaria con pequenos impases na xornada laboral ou académica sen necesidade de desprazarse a unha instalación deportiva. O mércores, tras o acto institucional que arrancará ás 11.00 horas, e despois da entrega de premios, haberá unha sorpresa para baixar o pano da 1ª Revolución Industrial*ES.