DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Miteu celebrarase do 23 de abril ao 8 de maio

20 actuacións para a 31ª Mostra Internacional de Teatro Universitario de Ourense

As aulas escénicas e de danza da UVigo teñen un papel destacado na programación

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cultura
  • Teatro
  • Cultura
DUVI Ourense 24/03/2026

Do 23 de abril ao 8 de maio celebrarase a 31ª Mostra Internacional de Teatro Universitario de Ourense (Miteu). Co lema O espazo que ti habitas, traerá a diferentes espazos escénicos da cidade unha vintena de espectáculos nos que as aulas de teatro e danza dos diferentes campus da Universidade de Vigo terán un papel destacado. 

A cita foi presentada este martes no Teatro Principal de Ourense por representantes das entidades que financian ou apoian a actividade, estando Francisco Javier Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense; Olga Mojón, directora do Teatro Principal; César Fernández, vicepresidente segundo da Deputación Provincial de Ourense; Xosé Luis Troitiña, xerente do Liceo; Fernando Dacosta, director da Miteu desde Sarabela Teatro, e Sandra Quintas, xefa territorial de Cultura en Ourense. Nas súas intervencións destacaron a dilatada traxectoria desta cita de referencia teatral, a calidade da súa programación e o feito de ser posible grazas á colaboración das diferentes entidades implicadas. 

Teatro, danza, música e formación

A programación desta edición arrancará o día 23 a cargo da Aula de Danzas do Mundo do campus de Ourense, que ofrecerá no Liceo unha mostra interactiva de danzas do mundo e de danza de Palestina; e da Aula de Teatro do Campus de Ourense Rosaura, que representará nas rúas do centro da cidade o seu espectáculo Bocados. Tras esta apertura actuarán no Liceo ou no Teatro Principal aulas de teatro dos campus de Vigo, Pontevedra e Ourense (Universidade de Vigo); dos campus de Lugo e Santiago de Compostela (Universidade de Santiago de Compostela), e das universidades de Pamplona, Burgos e da Beira Interior (Covilhã-Portugal). Ademais, na celebración da 15ª Xornadas de Danza que terá lugar nesta 31ª Miteu haberá representación das tres universidades públicas galegas e de A Casa Vella. 

Fóra do ámbito universitario, a Miteu contará con actuacións de Teatro del Barrio, Marta Doviro, Teatro Anaqueronte (Perú), La Líquida e Paula Carballeira. E xa fóra da representación teatral, haberá un concerto de Iberican Roots. Por último, a formación volverá a ter un oco nesta edición da mostra con dúas actividades no campus de Ourense. Haberá un obradoiro titulado Laboratorio de creación, a cargo de Teatro Anaqueronte, e unha masterclass de Movemento: enerxía, factores e calidades, con Javier R. de la Varga (Teatro El Mayal-León). Como xa é tradición, a clausura deste 31ª Mostra Internacional de Teatro Universitario de Ourense correrá a cargo da Aula de Teatro do Campus de Ourense Maricastaña, que representará no Teatro Principal a súa obra Insurrección.