DUVI

Diario da Universidade de Vigo

CCSS e da Comunicación acolleu unha xornada de prevención e sensibilización sobre esta lacra

Só o 20% dos casos de violencia física e sexual son denunciados

A investigadora da UDC Belén Fernández enmarcou a violencia machista nunha "desigualdade estrutural"

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Congresos e xornadas
  • Igualdade
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 28/03/2019

Segundo os datos recollidos na última ‘macroenquisa’ sobre violencia de xénero realizada polo CIS, no ano 2015, o 10% das mulleres maiores de 16 anos sufriu nalgún momento da súa vida violencia de xénero por parte das súas parellas e ex-parellas, mentres que o 8% foron vítimas de violencia sexual. Estas foron algunhas das cifras que a investigadora da Universidade da Coruña Belén Fernández puxo sobre a mesa na Xornada de prevención e sensibilización sobre violencia sexual na mocidade que este xoves acolleu a Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación. Organizada pola Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia en colaboración coas unidades de igualdade das tres universidades galegas, esta xornada puxo o foco nunha serie de cifras que puñan de manifesto “a magnitude da violencia machista”, cifras que, lembrou Fernández, “indican o grao de concienciación dunha sociedade”, motivo polo que, incidiu, en países como os nórdicos, “que nos levan moito de camiño de vantaxe en temas de igualdade”, son aínda máis elevadas. “En España só un 20% das persoas afectadas denuncia sufrir violencia física e sexual”, engadiu a secretaria xeral de Igualdade da Xunta de Galicia, Susana López Abella, na inauguración dunha xornada que pechaba en Pontevedra o seu percorrido polos sete campus galegos.

Un 20% das mulleres europeas sofre acoso

Na súa intervención, López Abella aludiu así mesmo ás cifras recollidas nos informes da Axencia Europea de Dereitos Fundamentais, que sinalan que unha de cada dez mulleres europeas de máis de 15 anos sufriu algún tipo de violencia sexual, que unha da cada 20 foi violada e que “case un 20% sufrirán acoso nalgún momento da súa vida”, episodios que, engadiu, no 80% dos casos non serán denunciados. De aí que incidise na importancia de “traballar conxuntamente” na loita contra esta lacra social, na apertura dun acto no que a directora da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo, Águeda Gómez, subliñou o compromiso da institución académica “coa erradicación das violencias machistas”, lembrando que a Universidade conta cun protocolo de prevención do acoso sexual e por razón de sexo e que o en novembro presentaba unha diagnose sobre as situacións de acoso sexual e por razón de sexo na Universidade, diagnose coa que, dentro das universidades públicas españolas, só contan Vigo e a Complutense de Madrid. “A universidade é o berce dos valores que deben velar por riba de todo polo respecto aos dereitos humanos”, engadiu o director do Campus Crea, Carlos Souto, na apertura dunha xornada na que o decano de CCSS e da Comunicación, Xosé Baamonde, alertou dun “proceso de involución en cuestións de igualdade diante do que non podemos quedar pasivos”. 

Xunto á intervención de Fernández, dirixida a “cuantificar esa violencia” e contextualizala na situación de “desigualdade estrutural” que padecen as mulleres, esta xornada contou coas intervencións do profesor da Universidade de Santiago de Compostela Jorge García, sobre os privilexios da “masculinidade hexemónica”, e da catedrática e ex-secretaria xeral de Igualdade da Xunta Carme Adán, quen abordou como previr a violencia de xénero sen vitimizar ás mozas. A xornada contou tamén co relatorio no que a investigadora predoutoral da Universidade de Vigo Rosana Martínez expuxo os resultados dun estudo realizado na Facultade de Ciencias de Educación do campus de Ourense para detectar situacións de acoso ou abuso sexual. 

O “último recurso” do sistema de dominación patriarcal

Orientada a concienciar e sensibilizar ás novas xeracións sobre a violencia sexual, Belén Fernández, integrante do Centro de Estudos de Xénero e Feministas da UDC, abriu a xornada mostrando a violencia machista como o “último recurso” do sistema de dominación patriarcal. Nese senso, aludiu en primeiro termo a indicadores do mercado laboral, como a fenda salarial, o feito de que as mulleres padezan “condicións de emprego máis precarias”, maiores taxas de desemprego e maior porcentaxe de contratos a tempo parcial. “As mulleres concéntranse en sectores laborais moi orientados ás tarefas de coidados”, denunciou esta socióloga, quen incidiu en que a esta situación no mercado laboral súmase que a muller “asume dous terzos da carga total do traballo” nos fogares. A menor presenza de mulleres “nas estruturas de poder e representación”, o feito de que o “espazo público estea pensado basicamente para os homes”, ou a propia “socialización de xénero” foron tamén algúns dos factores aos que aludiu a investigadora para contextualizar, nunha situación de “desigualdade estrutural” a violencia machista, “último mecanismo de opresión en toda esta serie de desvantaxes sistemáticas e estruturais da dominación patriarcal”. 

Fronte a elas, Fernández pechou a súa conferencia promovendo un coloquio sobre que factores serían precisos para promover un “cambio social”, que ao seu xuízo constitúe un cambio “multidimensional”, que por unha banda deben canalizar movementos sociais como o feminista, “que no momento actual ten unha forza moi importante”, pero que require tamén de medidas e políticas públicas, en eidos como o legal, o educativo e a concienciación da sociedade.