DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este martes comezou o programa de doutoramento en Creatividade e innovación social e sustentable

20 investigacións interdisciplinares inician o seu camiño ao abeiro do Campus CREA S2i

O “primeiro produto académico” do proxecto de especialización cubriu as 20 prazas da súa primeira ed

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
Eduardo Muñiz DUVI 24/10/2017

20 investigadoras e investigadores procedentes de eidos como a comunicación, a bioloxía, a xestión pública, a enxeñaría forestal ou a moda integran a primeira promoción do programa de doutoramento en Creatividade e innovación social e sustentable, que este martes celebraba a súa posta en marcha coa celebración dun seminario sobre liñas de investigación na Casa das Campás. Tras cubrir o máximo de prazas dispoñibles, un total de 20, o “primeiro produto académico do Campus CREA S2i”, como salienta o vicerreitor do campus, Juan Manuel Corbacho, promoverá a realización de 20 teses de doutoramento definidas polo seu carácter interdisciplinar, ao ter que vincular cada unha destas investigacións, cando menos, dúas das seis liñas que se engloban neste programa formativo.

Seis liñas que vinculan a innovación cos eidos da saúde, a sustentabilidade e a comunicación, o deseño, a sustentabilidade dos recursos naturais, a gobernanza e a innovación pedagóxica para a profesionalización docente integran nese senso un programa que conta coa participación de preto de 150 investigadores e investigadoras, tanto dos tres campus da Universidade de Vigo como doutras institucións españolas e estranxeiras. “Trátase dun programa transversal, no que hai bastante diversidade, xa que o que se busca é unha investigación que poña en contacto dúas áreas”, salienta a súa coordinadora, a profesora Ana Belén Fernández Souto, responsable de presentar nesta xornada o funcionamento e as actividades deste programa, nun seminario que se completou coas presentacións, por parte dos coordinadores destas áreas, José Luis García Soidán, Mabel Míguez, Lola Dopico, Juan Picos, Patricia Valcárcel e Antonia Blanco, das diferentes liñas de traballo e do profesorado que se engloba en cada unha delas.

A transversalidade como selo de identidade

Fernández Souto e Mabel Míguez, secretaria académica do programa, presentaron tamén as primeiras actividades formativas do doutoramento, centrados na metodoloxía e na busca de información. Xa no segundo, terán lugar “unha serie de seminarios específicos de investigadores de prestixio que desenvolveron proxectos que vinculan dous dos ámbitos do programa”, explica a coordinadora, que destaca como unha das principais novidades desta iniciativa a “figura dos dous codirectores de distintas áreas, que vai facer que a complementariedade sexa moito maior”. Nese senso, ademais de contar cun director ou directora de entre os preto de 150 que forman parte do programa, a tese deberá contar tamén cun co-director vinculado a outra das liñas de investigación propostas, “que pode ser tamén do programa, pero non necesariamente”.

“Trátase dun proxecto que xa nace cunha vocación interdisciplinar e que reflicte o espírito que fomentamos co Campus CREA S2i, que é poñer en valor a multidisciplinariedade e facer da heteroxeneidade o noso leitmotiv”, engade o vicerreitor do campus, quen salienta o positivo de que, na súa primeira edición, este posgrao arrinque co máximo de prazas cuberto. Trátase ademais, dun programa que, salienta, contribuirá “a cubrir unha demanda en facultades do campus que non contan con estudos de posgrao” e que á súa vez potencia unha liña de traballo na que se engloban iniciativas como o proxecto Erasmus+ Lapassion, do que a Universidade forma parte e dirixido dirixido a promover a mobilidade de docentes e estudantes co propósito de desenvolver tamén iniciativas multidisciplinares. De aí que, ademais de pór en valor o traballo da comisión académica e da delegada do reitor para a Área Académica do Campus CREA S2i, Alicia González, Corbacho sinale que supón a apertura “dunha liña de traballo con moitas ramificacións” e que busca “aproveitar as distintas capacidades e potencialidades existentes nos perfís de alumnado do campus”.

Da participación cidadá ás políticas forestais

“Unir varias liñas de investigación e sectores moi diversos é algo moi real”, salienta a profesora asociada de CCSS e da Comunicación e CC da Educación, en Ourense Victoria Canoura dun programa de doutoramento no que proxecta afondar na súa investigación sobre "o novo cariz que está tomando o goberno e a administración coas novas tecnoloxías”, focalizándoo na participación cidadá electrónica. “Nas ciencias sociais nada está illado ou apartado do resto e non podo falar de políticas públicas sen falar de comunicación”, engade a investigadora, que buscará neste doutoramento afondar na súa liña de investigación sobre goberno electrónico coa que o pasado curso recibía o premio ao mellor traballo final no mestrado en Dirección Pública e Liderado Institucional.

Centrarse na comunicación política vinculándoa a “formatos de entretemento dixital” como memes ou videoxogos, é por outra banda a liña de traballo coa que chega a este doutoramento o titulado en Comunicación Audiovisual José Ángel Alén, quen recoñece o atractivo do doutoramento tanto na posiblidade de “prepararte para ser docente universitario”, como polo propio desenvolvemento da investigación en si. Titulada en Publicidade e RRPP, Noa García buscará pola súa banda, poñer en relación os ámbitos da comunicación, o deseño e a imaxe. “É un programa novo, moi innovador e moi creativo”, recoñece dunha iniciativa da que destaca as posibilidades que outorga o seu carácter interdisciplinar. “Ao principio parecíame un problema porque hai que abrir un pouco a mente para correlacionar dúas disciplinas, pero creo que é moi interesante”, sinala.

Relacionar precisamente o eido das políticas públicas cos lumes forestais foi o que trouxo ata este programa a Manuel Ángel Gil, un titulado en Dirección e Xestión Pública que centrara o seu traballo de fin de grao nas políticas contra o lumes forestais. “É unha inquedanza propia”, recoñece unha liña de traballo na que conflúe tanto o seu interese pola investigación como o feito de que “ser unha persoa vinculada ao rural”, que traballou durante preto dunha década no combate dos lumes.