Inserido na programación de extensión universitaria da Vicerreitoría do campus
20 persoas inícianse nun curso de verán na construción de moldes para a creación artística
A intelixencia artificial e a produción musical centran outras das propostas formativas
Amplamente utilizados nos ámbitos da arte e da artesanía, pero tamén en determinados procesos industriais, a realización de moldes de escaiola cos que xerar diferentes copias dunha peza escultórica constitúe o eixe central dun curso de verán que nestas semanas se desenvolve na Facultade de Belas Artes. Inserido na programación de actividades de extensión universitaria da Vicerreitoría do campus, 20 persoas participan nunha actividade que busca achegarlles, dun xeito práctico, os procesos básicos de creación de moldes e ás súas posibilidades para a elaboración de pezas artísticas.
“Ao longo da historia, os moldes constituíron unha parte fundamental dos procesos escultóricos e de creación de formas, mantendo a súa relevancia na actualidade xunto cos novos materiais”, salienta Covadonga Barreiro, directora dun curso que conta coa participación como docentes do profesor da Facultade de Deseño Eduardo Outeiro, da titulada en Belas Artes e técnica en escultura Teresa Pece e da tamén egresada desta facultade Iris Rodríguez.
Con diferentes sesións entre xuño e outubro, o obxectivo deste curso é dotar ás persoas asistentes dunha “base de coñecementos que lles permita ter unha visión xeral” dos moldes de escaiola, que fan posible xerar copias dunha peza en materiais como resina, cera ou barro. Con esa idea, a formación arrancou cunha sesión centrada nos tipos de moldes e nas súas características e aplicacións, para logo abordar as técnicas para a súa construción.
Formación adaptada aos intereses das persoas participantes
A pesar de tratarse, como recoñece Barreiro, dun “curso moi específico”, esta formación cubriu a práctica totalidade das súas prazas, reunindo tanto estudantes de grao ou doutoramento de Belas Artes, como profesorado e antigos docentes da facultade, xunto con persoas alleas á comunidade universitaria. Tras as primeiras sesións introdutorias, cada participante debía seleccionar un obxecto ou unha peza a partir da que comezar a traballar nos seus propios moldes. “Os procesos vanse adaptando ás necesidades e aos intereses das persoas participantes, polo que hai xente que decide realizar moldes simples e outra que se propón a realización de moldes máis complexos con varias pezas”, apunta Barreiro, que explica que, en calquera dos casos, o obxectivo é que estes permitan xerar “varias réplicas iguais” do obxecto ou peza seleccionada.
Nos últimos días, o curso centrouse precisamente na reprodución seriada de pezas, explorando as técnicas de reprodución por colada e por apertón, así como a elección do material adecuado para cada peza e a posterior preparación das copias para o seu secado e endurecemento no forno. Isto motiva á súa vez que as seguintes sesións fosen programadas para o mes de setembro e estas estarán dedicadas á aplicación de distintos acabados nas pezas, coma cor con pigmentos, vidrados ou esmaltes. Xa no mes de outubro, esta actividade pecharase cunha sesión dedicada á análise dos resultados obtidos.
Formación máis aló do curso académico
Esta actividade insírese na programación de cursos de verán da Vicerreitoría do campus, un conxunto de actividades formativas de entre 30 e 40 horas de duración, abertas a toda a cidadanía e que se desenvolven entre xuño e outubro en diferentes centros. Nela insírense tamén propostas como o curso Robótica educativa como ferramenta para a transformación de espazos de aprendizaxe en ciencias, que, con todas as prazas cubertas, desenvolveuse ao longo do mes de xuño na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte. Centrado nas posibilidades pedagóxicas de distintos kits tecnocientíficos e dispositivos interactivos, esta iniciativa permitiu ás persoas participantes afondar na integración da robótica educativa nas etapas de educación infantil e primaria.
Por outra banda, nesta oferta de cursos de verán insírense tamén propostas que manteñen aberta a súa inscrición. Ese é o caso de Intelixencia artificial e profesións creativas: críticas, prácticas e futuros posibles, cuxo inicio está previsto para o 31 de agosto na Facultade de Deseño; e da segunda edición do curso Gravación e produción musical, que tería como sede a Facultade de Comunicación, entre o 2 e o 17 de setembro.
