DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A actuación celebrarase o 16 de decembro no Auditorio Municipal de Ourense

200 entradas e retransmisión virtual para o Concerto de Nadal da UVigo

Estarán a Orquestra Sinfónica Vigo 430 e o compositor e pianista Brais González

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cultura
  • Cultura
DUVI Ourense 10/12/2021

O Concerto de Nadal da Universidade de Vigo, previsto para o xoves 16 de decembro, vén de adaptar o seu programa e características atendendo á evolución da situación sanitaria e a outros factores alleos a ela. Finalmente, a actuación no Auditorio Municipal de Ourense correrá a cargo da Orquestra Sinfónica Vigo 430 e do compositor e pianista Brais González, sen a participación prevista inicialmente de Xesús Pimentel Cuchus e Jorge Castañeda. O aforo quedará limitado a 200 persoas e o concerto será retransmitido en streaming por UVigo TV para o público que desexe seguilo de xeito virtual.

Protagonismo do cine

O concerto subirá ao escenario á Orquestra Sinfónica Vigo 430, baixo a dirección de Isabel Rubio. Trátase dunha formación, recoñecida en 2014 cos Premios Martín Códax na categoría de música clásica e contemporánea, que naceu no ano 2005 de xeito independente e co obxectivo de crear unha agrupación musical de calidade, que estivera formada na súa maior parte polas novas xeracións de músicos saídos dos conservatorios galegos. Con ela estará o vigués Brais González, fundador de Caspervek Trio, unha das bandas europeas de referencia na musicalización de cine mudo en directo, e solista e músico de cámara nunha vintena de países europeos, ademais de compositor de obras interpretadas en “importantes escenarios do continente, como o Auditorio de Galicia, o Conde Duque (Madrid), o KUMU (Estonia), o Baltais Fligelis (Letonia) ou a Galeria Flux (Hungría)”. A actuación levará por título Música de cine, cinco suites temáticas e estará formado polas pezas O cine mudo; A época dourada: catro décadas de cine; Maxia e Animación; Ciencia e Ficción e Greatest hits).

Segundo explican desde a organización, no concerto “o compositor vigués e grande especialista en música de cine Brais González levaranos a unha travesía de máis de seis décadas ao longo dos principais expoñentes musicais e cinematográficos da historia de Hollywood; un singular camiño no que poderemos comprobar de primeira man como a música composta para a imaxe foise desenvolvendo co paso dos anos e como a música de concerto foi unha constante fonte de inspiración para os creadores de bandas sonoras”. A través deste percorrido, engaden, o público poderá descubrir as sonoridades da idade de ouro do cinema americano e as contribucións que moitos autores europeos fixeron ás creacións cinematográficas americanas e como o cinema de animación dixital converteuse non só nun xénero fílmico con voz propia, senón que desenvolveu unha linguaxe musical específica con características moi particulares. Tamén haberá oco na actuación para “as reminiscencias wagnerianas do cinema épico e de acción destas últimas dúas décadas que levan as forzas orquestrais ao límite”.

Convites

Os membros da comunidade universitaria poden descargar na web da UVigo, no Campus Activo, o seu convite (dous por persoa). Haberá un autobús desde Pontevedra e Vigo para a asistencia a Ourense, condicionado ao número de persoas que o soliciten. O prazo permanecerá aberto ata o remate do número de invitacións ou ata as 14.00 h do día 14 de decembro. Se tras este prazo quedan dispoñibles invitacións, poranse a disposición das persoas alleas á comunidade universitaria que as soliciten.