DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A primeira xornada celebrouse este xoves coa propostas do eido biolóxico

200 de estudantes de sete titulacións presentan 32 proxectos conxuntos no Congreso de Traballos Colaborativos

O luns daranse a coñecer os estudos de carácter tecnolóxico na EEI en Torrecedeira

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • Académica
M. Del Río DUVI 25/04/2019

Por primeira vez dende que, hai doce anos, botou a andar o Congreso de Traballos Colaborativos, os seus organizadores, os profesores da Escola de Enxeñería Industrial José Luis González Cespón e José Antonio Alonso Rodríguez, tiveron que optar por dividir as presentacións de proxectos en dúas xornadas dada a “gran cantidade de alumnos participantes”. Este xoves tivo lugar a primeira das sesións, no Edificio de Ciencias Experimentais, na que se presentaron os proxectos de carácter biotecnolóxico, mentres que o vindeiro luns será a quenda dos traballos do eido tecno‐medioambiental. En total, participan nesta iniciativa colaborativa e multidisciplinar 203 alumnos e alumnas que presentan 32 proxectos nos que se involucraron sete graos de catro centros e nove docentes que os titorizaron.

O obxectivo deste congreso é que estudantes dos últimos cursos de diferentes titulacións traballen conxuntamente durante meses para elaborar proxectos educativos de forma conxunta en grupos multidisciplinares. Na xornada deste xoves o estudantado presentou 22 traballos, nos que estiveron involucrados un total de 147 alumnos e alumnas da Facultade de Bioloxía, a Escola de Enxeñería Industrial e Facultade de Filoloxía e Tradución.

Entre outros temas, ao longo da xornada déronse a coñecer traballos sobre cultivos de diferentes especies por hidroponía, elaboración de viño Ribeiro en formato semisólido, un proxecto  para a produción de quorn, un centro de equitación de alto rendemento, plantas de elaboración de queixos de ovella de produción sostible, de cultivo de polbo, de sidra ecolóxica, unha iniciativa para elaboración de bioplásticos a partir de soro lácteo, un acuario para especies galegas, un invernadoiro de plantas medicinais, xardíns verticais, un mariposario enerxeticamente sostible ou plantas de produción de bioetanol ou compost. Varios destes proxectos xa foron premiados na última edición do Hack for Good que organiza a Cátedra Telefónica e se celebrou no campus o mes pasado.

O luns, o eido técnico-medioambiental

A segunda xornada deste proxecto colaborativo terá lugar na tarde do luns, na EEI en Torrecedeira, na que se presentarán dez traballos elaborados por 56 estudantes de Ciencias Xurídicas e do Traballo, Filoloxía e Tradución e a propia escola de enxeñería. Estes proxectos céntranse en temas como a produción de biodiesel, a obtención de compost, unha planta de reciclaxe a partir de puntos de recollida, plantas de produción de biogás e biodiesel, un proxecto de hortas urbanas, espazos deportivos e de ocio saudable para adolescentes, un centro equino, unha planta para a produción de bioetanol e un proxecto para o control da vespa velutina.