DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Plataforma Galicia-EscudoCovid19.org continúa coa fabricación e distribución de material

2000 pantallas protectoras para o Complexo Hospitalario Universitario de Ourense

A iniciativa está coordinada pola UVigo e Asime e nela participan arredor de 15 empresas galegas

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Saúde
  • Universidade e empresa
  • Institucional
DUVI Ourense 02/04/2020

A Plataforma Galicia-Escudocovid19.org, coordinada pola Universidade de Vigo e Asime e que conta coa participación de arredor de 15 empresas galegas, continúa coa fabricación e distribución de pantallas protectoras para loitar contra a COVID-19. Así, este mércores pola tarde entregaron 2000 destas pantallas protectoras ao Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO).

Desde o campus de Ourense participan no proxecto os profesores da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo José Antonio Pérez, Higinio González e Iván Area. “Este mércores pola tarde entregáronse no CHUO as primeiras 2000 pantallas de protección. Agárdase facer máis entregas os próximos días e atender algunha outra necesidade, como residencias de maiores”, comenta Higinio González en nome da organización. Esta entrega únese ás 9700 pantallas que en días anteriores a Plataforma Galicia-Escudocovid19.org puxo a disposición dos servizos sanitarios da área de Vigo. “Estanse producindo unhas 5000 pantallas ao día nunha planta de producción en Mos e a idea é continuar distribuíndo. Pensamos que pouco a pouco irá chegando máis material e nun par de semanas non fará falla tanta producción, pero agora creemos que pode axudar”, sinala o profesor da Universidade de Vigo.

En Galicia, a iniciativa EscudoCovid19 está coordinada por Asime a través do seu secretario xeral, Enrique Mallón, e pola Universidade de Vigo, a través do director do Centro de Investigación Tecnolóxico Industrial (Cintecx), José Luis Martínez Lastra, e o profesor tamén da Escola de Enxeñería Industrial José Antonio Pérez, coa colaboración de persoal investigador de  Cintecx e do Campus de Especialización Vigo Tecnolóxico. Tamén subliñan desde a organización a implicación dentro da Universidade de Vigo da Vicerreitoría de Tansferencia. Actualmente son arredor de 15 as empresas involucradas no proceso de deseño, fabricación e distribución de material sanitario en Galicia, entre elas  Adhex, Dalot, Dativic, Lupeon, MCSyncro, Mepronor, Plascies, Plymouth, Troqueles Galicia e Valver. Esta última está levando a cabo de forma altruísta a produción galega dos escudos nas súas instalacións en Mos, adaptando os tempos, medios e persoal ás necesidades desta situación excepcional. A elas están sumando as súas achegas económicas e esforzos empresas como Cerradoras López Galicia, Coren, Distevi, Gadisa, Fabricaciones Parma, Instalaciones del Noroeste, Itera Técnica, Metaldeza, Onice Estudios y Proyectos, Resinas Castro, Royal Roos Ingeniería, Umiametal e Vigumat. 

Unha iniciativa popular

EscudoCovid19, na que se enmarca a plataforma galega, é unha iniciativa popular que une provedores de materia prima e ferramentas, centros de produción e medios loxísticos de toda España para producir pantallas protectoras. Naceu co obxectivo de mobilizar capacidades económicas e produtivas para fabricar, de xeito áxil e accesible en grandes cantidades, unha ampla variedade de equipos como mascarillas, pantallas, vestiario plástico, desinfectantes, respiradores e lavadoras de utensilios. Estes equipos están destinados a persoal sanitario; residencias, coidadores e demais servizos para sanitarios; forzas de seguridade, almacéns e transportistas; traballadores do sector agroalimentario e operarios do sector industrial que deban manter a súa actividade, especialmente nas áreas consideradas esenciais. 

“Como sociedade temos que aprender desta crise e como universidade temos que estar na vangarda. Está sendo moi grato ver como a industria galega estase reorganizando rápido e está sendo capaz de producir material sanitario. Creo que temos unha capacidade industrial latente que temos que valorar e empuxar e oxalá que cando isto remate a protexamos e impulsemos”, subliña Higinio González, que recalca a satisfacción que supón para as persoas da comunidade universitaria que están participando nesta iniciativa o feito de “dar una paso adiante e axudar no posible máis aló do estritamente regrado”.