DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A UVigo lanza unha nova convocatoria financiada pola UE-Next GenerationUE

20.000 euros para premiar as temáticas relacionadas co emprendemento en teses e traballos fin de grao e mestrado 

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PDI
  • Vigo
  • Premios
  • Institucional
DUVI 17/07/2024

O alumnado da UVigo que durante o curso 2023/2024 superase as súas teses de doutoramento, traballos fin de grao e de mestrado nos que propoñan o desenvolvemento de novos produtos e servizos que teñan un especial potencial nicho de mercado ou que estean orientados á xeración dun proxecto que poida contribuír á creación dunha iniciativa empresarial, poderán concorrer ao premio en temáticas relacionadas co emprendemento que acaba de convocar, por vez primeira, a Universidade de Vigo. Os galardóns, financiados con 20.000 euros procedentes da UE-Next GenerationUE, distribúense en dúas categorías: o premio de innovación e emprendemento á mellor tese de doutoramento e o premio de innovación e emprendemento ao mellor traballo fin de grao e traballo fin de mestrado. Así mesmo, cada categoría terá un primeiro e un segundo premio e un accésit en cada unha das áreas de coñecemento: artes e humanidades, ciencias sociais e xurídicas, ciencias, ciencias da saúde e enxeñaría e arquitectura. Concretamente, as teses recibirán un primeiro premio de 1600 euros, un segundo de 800 e un accésit de 300, mentres que os mellores TFG e TFM recibirán un primeiro premio de 1000 euros, un segundo de 500 e un accésit de 200.

O obxectivo desta nova convocatoria é dar visibilidade ás achegas daquelas liñas de investigación en materia de emprendemento e innovación impulsadas polo alumnado da UVigo, a través do desenvolvemento das súas teses e traballos de fin de grao e de mestrado. Con esta finalidade, a Consellería de Promoción de Emprego e Igualdade e as tres universidades asinaron o pasado mes de abril un convenio para realizar actuacións de difusión, promoción e apoio ao emprendemento na comunidade universitaria no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, financiado pola Unión Europea-Next GenerationUE.

Prazo de presentación e criterios de avaliación 

As persoas que queiran optar aos galardóns terán de prazo ata o 31 de xullo para presentar os seus traballos, que serán seleccionados por unha comisión de avaliación que outorgará ata 3 puntos á innovación (grao de disrución e previsión do desenvolvemento dun novo produto ou servizo) e á aplicabilidade (grao de viabilidade técnica, comercial e/ou económica) e 2 puntos á relevancia (grao de que a idea poida ter capacidade de creación de valor económico, social e/ou medioambiental) e ao plan de traballo (grao de desenvolvemento dos obxectivos, metodoloxías e instrumentos de recollida e medición de datos e resultados obtidos no traballo).