DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este venres clausurouse a sétima edición do curso anual de Afaor

21 estudantes rematan a súa formación para intervir con persoas con alzhéimer

A Facultade de Ciencias da Educación colabora na iniciativa

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Saúde
  • Académica
DUVI Ourense 05/04/2019

Cada curso académico, a Facultade de Ciencias da Educación acolle a celebración dun curso destinado a mellorar a atención ás persoas afectadas de alzhéimer. Este venres pechouse a sétima edición desta iniciativa, que levou por título Introdución á doenza de alzhéimer e demencias similares, coa entrega de diplomas ás e aos participantes nesta formación, unha iniciativa da Asociación de Alzhéimer de Ourense (Afaor) que conta co apoio da Fundación Dorzán, a Vicerreitoría do Campus de Ourense e a propia Facultade de Ciencias da Educación. Unha vintena de estudantes deste centro, concretamente 21, remataron un curso de formación especializada nun eido especialmente importante para Ourense e Galicia, que destacan polo envellecemento da súa poboación, tal e como se destacou no peche da actividade.

Cada venres dos últimos meses as persoas inscritas neste curso adquiriron coñecementos sobre a enfermidade de alzhéimer e demencias similares, sobre os tratamentos farmacolóxicos, os recursos institucionais, o tratamento legal, o papel das familias nestas enfermidades ou a bioética. Especialistas en cada unha das materias foron os encargados de impartir a docencia de 40 horas do curso, docencia que logo se complementou coa realización de 20 horas de prácticas na sede de Afaor en Ourense, que tutorizou ao alumnado participante. No acto de clausura e entrega de diplomas participaron Mar García, decana da Facultade de Ciencias da Educación; Mª Dolores Neira, presidenta de Afaor, e Juan Ramón Álvarez, presidente da Fundación Dorzán. Pola boa acollida do curso, cuxa demanda duplica as prazas dispoñibles, e pola calidade e utilidade da formación impartida, promotores e colaboradores da iniciativa amosaron o seu desexo de continuar celebrando o vindeiro ano esta actividade.