DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A terceira edición da exposición Sen Moldes inaugúrase na Biblioteca Central do campus de Vigo

21 imaxes para reflexionar sobre a orde sexual imposta

As fotos foron realizadas por alumnado de primeiro curso do Grao en Belas Artes

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Arte
  • Estudantado
  • Igualdade
  • Estudantes
M. Del Río DUVI 22/10/2019

Sen moldes, sen tabús, sen xéneros preestablecidas, sen prexuízos e sen imposicións tradicionais. 17 estudantes de Belas Artes propoñen cadansúa visión sobre o xénero a través de imaxes que tratan de “rachar coa orde sexual imposta”. A través de 21 fotografías conforman a nova edición da exposición Sen Moldes, unha iniciativa que naceu hai tres anos e que está coordinada polos profesores Mar Caldas e Andrés Pinal. 

Dende este martes e ata o Nadal, a mostra pódese visitar na Biblioteca Central do campus de Vigo. Nela recóllese unha selección dos traballos do alumnado que cursou a materia Técnicas fotográficas o curso pasado. Os docentes propuxéronlles ás e aos seus estudantes “elaborar imaxes que reflexionen sobre a orde sexual imposta, contrapoñéndolle visións críticas, anovadoras, creativas, diverxentes ou mesmo paradoxais”, explica Caldas. As temáticas son diversas e variadas, buscando amosar traballos complexos e imaxinativos, tanto polas vías da denuncia ou da proclamación, como empregando a parodia ou a evocación, desde a afectividade ou o desapaixoamento, falando en primeira persoa ou recollendo outras voces. 

Mar Caldas recoñecía no acto de inauguración que “a experiencia na aula foi moi boa, permitiunos reflexionar sobre os roles de xénero e a sexualidade, pero facer a escolla das fotos foi complicado”. As imaxes permiten ao espectador quebrar os roles de xénero tradicionais, exploran sexualidades liberadas das normas e indagar nas identidades abertas e plurais. Como explica a docente, “convídannos a incorporar novos principios de visión, a desfacernos de vellos esquemas mentais, a imaxinar diversas subxectividades, construídas sen feituras prefixadas, sen moldes”.  A directora da Unidade de Igualdade, Águeda Gómez, poñía en valor a alta calidade das obras, “sobre todo tendo en conta que se trata de alumando de primeiro ano de carreira”. Tamén lles agradeceu ás e os autores que mostren “os debates que están na sociedade respecto da igualdade e a diversidade sexual, abordando temas como o binarismo como sistema sexo-xénero hexemónico”. 

Imaxes para as campañas institucionais

Ademais de apoiar esta mostra dende a súa primeira edición, a Unidade de Igualdade decidiu empregar algunhas das imaxes para darlles un uso que traspase o puramente académico. Así, Águeda Gómez avanzou que, como xa se fixo o curso pasado, seleccionaranse algunhas destas imaxes para as campañas institucionais da Universidade, por exemplo para o 25 de novembro ou o 8 de marzo. “Sen Moldes é unha mina creativa e empregar estas imaxes máis aló das mostra é un xeito de subliñar a produción artística que fai o propio alumnado da Universidade e poñelo en valor”, apuntaba. Para a profesora Mar Caldas, o feito de usar instantáneas feitas polo estudantado engade outras vantaxes e axuda a chegar ao público, porque “usan os mesmos códigos que a comunidade universitaria, as fotos chegan dunha forma moito máis directa á xente nova”.  

Da menstruación ao tránsito das persoas transxénero

Detrás destas 21 instantáneas están Aldara Vázquez, Alexandre Rodríguez Blanco, Antía Encisa, Arianne Romero, Carlainsh, Clo, Chus Nimo, Lili Algo, Lorena Vázquez Cruz, Lucía González Fernández, Mente de Amuleto, Raquel Álvarez, Rubén Mascato, Tamara Goberna, Uxía González Fernández, Vilja Gunzelmann e Xoel Gómez López. Entre outras temáticas, reflexionan sobre a censura en redes sociais, as barreiras sociais coas que se atopan as persoas transxénero, a violencia sexual, o machismo, os límites que impón a concepción tradicional dos xéneros, a cousificación do corpo das muller, etc.

Por exemplo, Abraham, o alumno que asina como Carlainsh, explica que a súa proposta, un collage de fotografías de corpos espidos, trata de amosar todo o abano de posibilidades que hai entre ser home ou muller. Buscar denunciar “as gaiolas que nos poñen e das que temos que saír para crecer, ser libres, ser o que sentimos que temos que ser”. A obra de Clo, pola súa banda, comprende tres retratos dunha mesma persoa, amiga trans da autora. No primeiro reflíctese o que era, “o que todo o mundo estaba acostumado a ver, un home masculino, con tatuaxes, un machote”, explica. O segundo retrato recolle o cambio “despois de saír da zona de confort, a muller que se esperaba que fose, con perruca, peito e roupa feminina, pero que tampouco era o que ela quería ser”. Finalmente, o terceiro retrato é o fin do camiño, “ela mesma, rapada, tatuada e maquillada... como ela quere ser, sen roles masculinos nin femininos”. Outra das autoras é Chus Nimo, co retrato dun corpo feminino “sen roupa, o que non quere dicir que estea espido, porque leva unha máscara que oculta sentimentos e todo aquilo que non se quere mostrar”. Define a peza como “unha obra con moitas lecturas, para que sexa a e o espectador o que interprete a confrontación nos tons, a escuridade, o silencio, o movemento...”. Aldara Vázquez é a autora da obra escollida para a cartelaría da exposición. Inspirouse en anuncios de compresas, “que amosan líquidos azuis súper hixiénicos, pero non reflicten a realidade da menstruación”, por iso uniu as tres mulleres que saen na imaxe cun fío vermello “que representa o equipo, a sororidade e a forza común e colectiva”, resume.

Estas catro pezas, xunto co resto da exposición, pódense visitar na Biblioteca Central do campus vigués ata o Nadal. Ca co comezo do 2020, Sen Moldes III viaxará ao campus de Ourense, concretamente á Biblioteca Rosalía de Castro e rematará o seu percorrido en Pontevedra, onde se poderá visitar na Facultade de Belas Artes, para que o alumnado da materia Técnicas fotográficas deste curso poidan contemplar as propostas dos seus compañeiros do curso pasado antes de comezar a traballar nas obras que darán forma a Sen Moldes IV.