DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A exposición 'Iso sigue o seu curso' reúne os proxectos do alumnado do máster en Arte Contemporánea

21 mostras das disciplinas e intereses que conflúen en Belas Artes reúnense no Museo

A facultade acolleu tamén este xoves un taller de caligrafía xaponesa impartido pola artista Aoi Yam

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Eduardo Muñiz DUVI 08/06/2017

O froito de meses de investigación e produción artística plasmados nunha serie de obras que van da pintura ou a escultura á instalación, a fotografía, a videocreación ou a performance. 21 estudantes do mestrado en Arte Contemporánea. Creación e Investigación exhiben desde este xoves no Sexto Edificio do Museo de Pontevedra as obras máis representativas dos proxectos artísticos e investigadores que desenvolveron ao longo do curso, na quinta edición de Iso segue o seu curso. “En moitas ocasións é o mesmo traballo que van defender nos proxectos de fin de máster, que aqueles que o fagan en xullo defenderán no propio museo, e noutros é a peza máis conclusiva de todo o proxecto”, sinala a profesora Mar Caldas, coordinadora, xunto con Xosé Manuel Buxán dunha exposición que poderá visitarse ata o 9 de xullo.

A decana da facultade, Silvia García, e a coordinadora deste mestrado, Anne Heyvaert, acompañaron ao director do Museo, Carlos Valle, o deputado provincial de cultura, Xosé Leal, e ao responsable de Extensión Cultural do campus, Manuel Morquecho, na inauguración dunha mostra que, antes de abrir as súas portas, viuse precedida da performance que constitúe o proxecto final neste mestrado de Gabrielle Mendieta. Nesta presentación, García puxo o acento no “traballo e no esforzo colectivo” dun grupo de alumnos e alumnas aos que lembrou que “expoñer nun espazo profesional é unha parte esencial da vosa aprendizaxe”. Así mesmo, tanto a decana como Morquecho puxeron na colaboración que manteñen con Museo e Deputación e que fai posible esta mostra. “Agardo que no futuro poidades retornar ao museo como artistas reputados”, desexou Valle ao alumnado presente neste acto, aos que Leal animou a que esta mostra “sexa o primeiro dos vosos grandes éxitos a nivel expositivo”.

Múltiples disciplinas, intereses e procedencias

A diversidade de disciplinas e temáticas é, como sinalou Caldas, unha das carácteristicas definitorias dunha mostra da que tamén forman parte da mostra o rexistro documental do proxecto que Miriam Rodríguez Méndez levou a cabo coa colaboración do centro de día Amafe de Madrid, onde desenvolveu unha instalación artística xunto cos seus usuarios, persoas afectadas dalgún tipo de transtorno ou discapacidade mental. Ou proxectos de carácter efémero como a performance ideada por Mendieta, a quen o público foi pendurando dos seus beizos e do seu corpo unha serie de bolas de la nunha proposta que, explica, tiña como obxecto abordar a violencia machista poñendo o foco “no trauma da recuperación, no que pasa despois”.

“A verdade é que foi un luxo poder ter ese contacto co público”, salienta esta alumna natural de Nova York, un exemplo máis da diversidade de procedencias que reuniu este máster, que reuniu a estudantes de diferentes nacionalidades e chegados desde diferentes titulacións, máis aló do propio grao en Belas Artes, "como Filosofía, Historia da Arte ou Comunicación Audiovisual", lembrou Caldas.

A recompensa a meses de esforzo

Eric Balbuena, Ricardo Campos, Patricia Coucheiro, Marta Cousiño, María Xosé Domínguez, Iago Fernández, Yatir Fernández, María García, Merce González-Anleo, Blanca Nieves Lourés, Montse Martínez, Gabrielle Mendieta, Macarena Montesinos, Olivia Oltmanns, Ana Pérez Valdés, Dimitri Pino, Marta Quinteiro, Miriam Rodríguez Méndez, Irene Romero, Vanesa Soares e Aitana Tubío son as e os 21 protagonistas dunha mostra que constitúe “un gran premio”, como recoñece Domínguez. “Poder ver a túa obra no museo e, sobre todo, chegar ao público, é a recompensa a todo o esforzo”, salienta esta alumna, que achegou a Iso segue o seu curso unha performance en vídeo na que aborda a dor que produciu unha “perda moi importante na miña vida e que era a peza que neste momento máis me identificaba”

“É unha experiencia moi enriquecedora”, engade Marta Quinteiro, quen presenta no museo unha serie de acuarelas resultado dos 42 días que pasou retratando uns lirios “ata a súa total degradación” e que simbolizan a unha persoa que atravesa unha enfermidade. “Nelas pretendo mostrar o que nos queda das persoas cando non están, que son as experiencias e a convivencia”, relata. A poucos metros das súas obras, Macarena Montesinos amosa a súa “apropiación” da Venus de Milo, que, a través da dislocación dos moldes, presenta “imperfecta, con cicatrices” e portando unha sella, co propósito de “descontextualizala e darlle un carácter máis proletario”, salienta esta estudante, para quen esta exposición constitúe “un contexto perfecto para fin de todos estes anos académicos”.

A caligrafía como medio de expresión artística

{smoothgallery album=11817}Belas Artes tamén acolleu este xoves un taller sobre caligrafía xaponesa no que Aoi Yamaguchi achegou ao alumnado as claves da caligrafía Shodo e o seu potencial como medio de expresión artística. Esta calígrafa e artista participa este venres, na Basílica de Santa María a Maior, no concerto de arranque do ciclo Do Audible 2017, Caligrafías do Son, xunto cos músicos de Vertixe Sonora Ensemble e a videoartista Masako Hattori. Como complemento a esta iniciativa, Yamaguchi achegouse relatou na facultade como e por que a caligrafía converteuse nun elemento nuclear da súa produción artística, na que a combina coa performance.

“Achégate múltiples xeitos de autoexpresarte, a caligrafía é un espello de ti mesmo, o que es e o que queres reflíctese no teu escribir”, salienta esta artista, que abriu o obradoiro realizando un breve percorrido histórico polo sistema de escritura xaponés e as diferentes técnicas que se engloban nese “gran paraugas” que é o Shodo, concepto que engloba tanto “os coñecementos da escritura como a busca do teu propio estilo como un xeito de expresión”. Nese senso, incide en que o feito de que tanto a caligrafía xaponesa como a chinesa da que deriva se realicen con “moitos tipos diferentes de pinceis” resulta un factor determinante para que esta dea lugar a “infinitas maneiras de expresarse e infinitas maneiras de escribir”. Pinceis que, ao igual que as tintas sumi e o papel hanshi, as alumnas e alumnos puideron comezar a coñecer na segunda parte deste taller, de carácter práctico.