Son 732 PDI, PTXAS e estudantes máis que nas eleccións de 2022
21.226 membros da comunidade universitaria elixirán a vindeira reitora ou reitor da UVigo
Os censos xa son definitivos e o vindeiro luns ábrese o prazo de presentación de candidaturas
21.226. Estes son os membros da comunidade universitaria que o vindeiro 6 de maio poderán elixir a quen será a nova reitora ou reitor da UVigo os seis próximos anos, segundo os censos definitivos publicados este venres. Ese mesmo día elixiranse os representantes de cada sector no novo Claustro e neste caso serán 20.603 as persoas que poderán votar, posto que neste proceso non están chamados ás urnas as persoas matriculadas no Programa Universitario de Maiores (PUM), que suman 623. Pola súa banda, o resto de sectores poderán elixir: 101 representantes no Claustro, no caso do PDI-A (sector A); 63 no de estudantes (sector C); 38 no do PTXAS (sector D); e 22 no do PDI-B (sector B), o que fai un total de 224 claustrais.
No caso das eleccións á Reitoría, os censos definitivos publicados hoxe confirman que 2207 integrantes do persoal docente investigador, PDI-A e PDI-B, poderán exercer o seu dereito a voto nas eleccións do 6 de maio para elixir a ou o próximo reitor da UVigo. Concretamente, un total de 990 PDI-A, profesorado doutor con vinculación permanente á Universidade, dos tres campus: 617 de Vigo; 219 de Ourense e 154 de Pontevedra poderán votar nas décimas eleccións da UVigo, mentres que no caso do PDI-B, o restante persoal docente e investigador, son 1217 os membros con dereito a voto: 688 do campus de Vigo, 318 de Ourense e 211 de Pontevedra En canto a estes colectivos, cómpre lembrar que mentres o voto ponderado do PDI-A acada o 51%, o do PDI-B supón un 9%. Por centros de cada un dos campus, a Escola de Enxeñaría Industrial é a que maior número de PDI, tanto A, como B, con dereito a voto acumula no campus de Vigo; mentres que no caso de Ourense é a Facultade de Ciencias e a de Ciencias da Educación e do Deporte en Pontevedra.
Pola súa banda, serán 18.253 as e os estudantes de 1º, 2º e 3º ciclo os que poderán emitir o seu voto para elixir reitora ou reitor nestas eleccións, cun voto ponderado do 25%. O alumnado de 1º e 2º ciclo suma un total de 17.015 estudantes, dos que 8760 corresponden ao campus de Vigo, onde a Escola de Enxeñaría Industrial cos as súas dúas sedes suma a maior porcentaxe de voto con 3067 estudantes. Pola súa banda, en Ourense poderán votar 4765 alumnos e alumnas, sendo a Facultade de Educación e Traballo Social con 1438 estudantes con dereito a voto a que ocupa o primeiro lugar, mentes que no caso do campus de Pontevedra 3490 estudantes poderán exercer o seu dereito, confirmándose a Facultade de Ciencias de Educación e do Deporte con 1410 alumnos e alumnas o centro no que máis estudantado poderá votar o día 6 de maio.
Pola súa banda, 1238 estudantes de 3º ciclo son os que poderán votar nestas eleccións á Reitoría.
No caso do PTXAS, persoal técnico, de xestión e de administración e servizos, están chamados ás urnas 766 persoas que traballan nos tres campus, un colectivo cuxo voto ponderado ten un valor do 15%. O maior número de PTXAS con dereito da voto concéntrase no campus de Vigo con 572, seguido do de Ourense con 102 e Pontevedra con 92.
732 votantes máis que en 2022 para elixir reitora ou reitor
Nas eleccións á Reitoría de hai catro anos, ás que unicamente se presentou o actual reitor, Manuel Reigosa, e que estivo marcada a xornada de votación polo falecemento ese mesmo día do vicerreitor Manuel Ramos, podían exercer o seu dereito ao voto 20.494 persoas, das cales 907 pertencían ao sector PDI-A; 1076 do PDI-B; 16.697 estudantes de 1º e 2º ciclo e 1036 de 3º ciclo e 778 PTXAS.
Isto supón que nas eleccións que se celebrarán este próximo mes de maio poderán votar 732 persoas máis, respecto a hai catro anos. Neste sentido, o número de PDI-A con dereito a voto incrementouse en 83; o PDI-B en 141; o alumnado en 520, mentres que no PTXAS rexístrase un descenso de 12 persoas.
No caso das eleccións a Claustro, o número de membros da comunidade universitaria que podían votar hai catro anos foi de 20.121.
27 mesas para votar nos tres campus
As persoas que aparecen nos censos definitivos publicados hoxe poderán exercer o seu dereito da voto nun total de 27 mesas distribuídas polos tres campus: 12 en Vigo, entre os campus de Lagoas-Marcosende e Torrecedeira; oito en Ourense e sete en Pontevedra.
No caso do campus de Vigo as mesas están distribuídas nas facultades de Filoloxía e Tradución; Bioloxía; Ciencias do Mar; Química; Ciencias Económicas e Empresariais; Ciencias Xurídicas e do Traballo; nas escolas de Enxeñaría Industrial, Enxeñaría de Telecomunicación e Enxeñaría de Minas e Enerxía; así como edificio Exeria. No campus de Torrecedeira situaranse dúas mesas: unha na Escola de Enxeñaría Industrial e outra na Facultade de Comercio.
No campus de Ourense, as persoas con dereito da voto poderán exercelo nas facultades de Ciencias, Historia, Dereito, Ciencias Empresariais e Turismo, Educación e Traballo Social e Relacións Internacionais; e nas escolas de Enxeñaría Informática e Aeronáutica e do Espazo. Mentres, no campus de Pontevedra as mesas electorais estarán dispostas nas facultades de Belas Artes, Ciencias da Educación e do Deporte, Comunicación, Fisioterapia, Deseño, Dirección e Xestión Pública e na Escola de Enxeñaría Forestal.
Próxima cita no calendario electoral: o luns, presentación de candidaturas
Logo da publicación estes venres dos censos definitivos, o calendario electoral ten outra cita importante a vindeira semana, xa que do 9 ao 13 de marzo é o prazo fixado para a presentación das candidaturas, que serán proclamadas provisionalmente o día 27 e definitivamente o 16 de abril, unha vez finalizado o prazo de reclamación. Ata o de agora confirmáronse tres candidaturas á Reitoría: as encabezadas polas catedráticas Belén Rubio (H2040) e Carmen García Mateo (Nós Universidade) e a liderada polo catedrático Jacobo Porteiro (ConSenso).
O 17 de abril é a data fixada para a presentación dos equipos e das liñas xerais dos programas e entre o 20 de abril e o 4 de maio terá lugar a campaña electoral. Despois da xornada de reflexión do día 5, o mércores 6 de maio celebraranse as votación, nas que, caso de non acadar algún dos candidatos o apoio proporcional de máis da metade dos votos a candidaturas validamente emitidos, unha vez feitas e aplicadas as ponderacións correspondentes, e sen ter en conta os votos en branco, repetiríase a votación o día 15, nunha segunda volta.
